Cé Orquestra Pantasma con Fíos do Querer e a obra de teatro Retrincos de Castelao, protagonistas do programa de Nadal desta fin de semana

Silleda, 9 de decembro de 2016. O programa de Nadal do Concello de Silleda contará esta fin de semana con outras dúas destacadas propostas. Mañá sábado día 10 chega ao Centro Cultural Vista Alegre a Cé Orquestra Pantasma, presentado o seu libro-disco Fíos do Querer. A cita, recomendada para nenos/as de 0 a 3 anos e as súas familias enmarcase dentro do Programa Avelaíña posto en marcha pola Concellería de Cultura de Silleda, para o público máis novo.

A actuación terá lugar ás 12:00 horas. Os nenos e nenas, acompañados polos seus proxenitores gozará de cantigas de primeiras palabras, para abanear, para dar bicos, abrazos, facer palmiñas, o cabaliño…espectáculo dividido en dúas partes: unha primeira de música para xogar, cantar e bailar e unha segunda de exploración instrumental con axóuxeres e obxectos sonoros feitos a partir de materiais naturais. A entrada é de balde.

Por outra banda, este domingo día 11 terá lugar no auditorio municipal Manuel Dopazo da Bandeira a representación da obra “Retrincos de Castelao”, ás 18:30 horas.

Os coñecidos actores cómicos Isabel Risco e Fran Rei poñen en escea esta obra de Culturactiva con texto de Diego Rey,  un achegamento ao humor na obra do inmortal autor de Rianxo, figura fundamental da nosa historia. Os dous protagonistas fan un divertido percorrido polo traballo deste intelectual, achegándonos a súa enxeñosa e fascinante forma de ver a Galiza do seu tempo. Isabel Risco e Fran Rei ofrecen ao público o mosaico dunha realidade galega atemporal, que nos antecede e nos outorga raíces.

A través dun ollo de vidro que dá nova forma á realidade, o público poderá  ser quen de presenciar a vida dos homes e mulleres que habitaron esta terra, para comprender realmente a historia de Galicia e o seu presente. 

 A entrada para ver este espectáculo, que chega da man da Deputación de Pontevedra enmarcada no Ano Castelao, é tamén de de balde. O espectáculo, pese a ser para todos os públicos está recomendado a partir dos 12 anos.