Celebrada unha nova reunión do Consello Municipal de Educación, que pasa a presidir Paula Fernández

Silleda, 22 de maio de 2013. O consistorio de Silleda acolleu esta tarde unha nova sesión do  Consello Municipal de Educación, un dos órganos sectoriais creados ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá.  Na reunión da entidade, formada por representantes do Concello, dos cinco centros educativos do municipio e as Anpas, procedeuse ao cambio na presidencia. Así, a responsable municipal de Educación, Paula Fernández, pasará a presidir este Consello, seguindo, ao igual que aconteceu co de Cultura, a liña de apostar polos  responsables das áreas. Mentres, o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Cuíña, pasa a ser vogal da entidade.

Ao encontro asistiron os directores/as do CEIP de Silleda, CEIP de Bandeira, Colexio María Inmaculada, IES Pintor Colmeiro, Escola Infantil A Galiña Azul, e tamén representantes da Anpa Brincadeira de Bandeira.

No encontró aprobouse a acta da reunión anterior, celebrada en xuño de 2012, e por parte dos responsables dos centros expuxéronse distintas demandas, dende a necesidade de realizar obras de mantemento nos inmobles ata cuestións relacionadas coa seguridade viaria.

Por parte dos representantes municipais tamén se plantexaron algunhas propostas de cara ao vindeiro curso, como unha iniciativa de formación nos ámbitos da igualdade, drogodependencia, sexualidade e seguridade viaria.

Dende o Concello tamén se comunicou aos centros o cambio na data de entrega dos premios do certame Reciclaula, que estaba previsto para o venres 31 e que por motivos de axenda terá lugar o luns día 3 de xuño.