Comenzan as obras para dotar de traída de augas a varios lugares de Manduas

 

Silleda, 4 de decembro de 2012. Os operarios municipais veñen de comezar as obras para a dotación da traída de augas aos lugares de  Quintela, Andamollo e Vilaverde, na parroquia de Manduas. O concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, visitou hoxe a zona de Andamollo, onde se iniciaron os traballos coa apertura de zanxas para proceder despois ás correspondentes canalizacións.

Esta actuación, promovida pola citada Concellería, realízase con personal e maquinaria do Concello, contando cunha subvención de 29.634,44 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental para a compra do material necesario.

“A dotación de servizos coma a traída de augas no rural era un dos compromisos desta concellería cos veciños e veciñas”, lembra o concelleiro.

Para contratar a adquisición de materiais necesarios para esta obra, realizouse un procedemento negociado, no que se convidou a seis empresas do municipio para que realizaran a súa oferta. Nunha xunta de goberno local extraordinaria resolveuse adxudicar a compra de material á empresa silledense Climadeza.

 

Unha dotación de servizos que se continuará

As obras da traída beneficiarán aos veciños e veciñas dos citados lugares de Manduas, unha das parroquias de maior densidade de poboación. “Esta actuación vén sumarse a outras comas as realizadas en Saídres, Taboada ou Cortegada, tamén para dotar de abastecemento de auga ás citadas localidades rurais, dándolles un servizo básico aos cidadáns”, engade Cuíña.

“Dende a Concellería de  Obras e Servizos seguiremos traballando nesta liña, e en canto rematemos esta obra continuaremos con outras actuacións para ampliar a rede de traídas, en lugares moi necesarios como Toxa ou a parroquia de Ponte”, avanza o concelleiro

Os traballos en Manduas remataranse ao longo deste mes de decembro.