Comeza o intercambio xuvenil RAPAZartist, con moz@s de Silleda, Lituania e Portugal

Silleda, 26 de xuño de 2013. O intercambio xuvenil RAPAZartist comezou hoxe en Silleda, logo da chegada dos mozos e mozas procedentes de Portugal e Lituania.

O grupo terá a súa base en Siador, onde se celebrará o vindeiro día 30 unha das actividades principais, coa celebración da XXV Romaría do Rapaz, na que os participantes do intercambio compartirán os seus logros creativos coa comunidade local.

Esta primeira xornada adicarana a coñecerse entre elas para logo iniciar o encontro intercultural, obradoiros, e outras actividades do grupo, con 27 participantes de entre 13 e 20 anos (9 de cada país) e tres monitores (un por grupo).

Así, o vindeiro sábado realizarán unha ruta polas carballeiras que partirá de Siador pasando polo parque das Pedrosas, os Castros de Toiriz, a área recreativa de Covián, en Rellas, e rematando na carballeira de Silva, na Bandeira. Tamén nesta xornada asistirán ao certame Música a fartar, que se celebra nesta última localidade. Tamén está prevista a visita a lugares coma o mosteiro de Carboeiro, a praia fluvial de A Carixa, a Fervenza do Toxa, Santiago de Compostela ou a costa galega. Tamén se celebrarán veladas a cargo de cada un dos grupos e outras actividades.

 

“A celebración da Romería será un dos eixos en torno aos que xire o intercambio, participando tamén en actividades previas de preparación do certame”, sinala Margarita Campos sobre o programa, que ten como grande obxectivo o de interrelacionar aos participantes, a través de distintas expresións artísticas e actividades de grupo ao aire libre.

O intercambio está promovido polo Concello de Silleda e conta ademais coa financiación da Unión Europea a través do programa Xuventude en Acción (cunha aportación de 12.732 euros).