Comezan as actividades do programa Silleda Activa para os maiores do municipio

Silleda, 17 de outubro de 2016. A Concellería de Benestar Social, a través do Club do Centro Social dos Maiores, iniciou hoxe o programa Silleda Activa, con distintos cursos que se veñen celebrando con gran éxito ao longo dos últimos anos.

Hoxe arrancou o obradoiro de manexo de móviles, na Casa da Xuventude, unha das apoastas destinadas a familiarizar aos maiores novas tecnoloxías. Este obradoiro, que tamén se celebrará no Centro Social da Bandeira os mércores, sumase neste ámbito á actividade denominada “Acendo o ordenador”, que terá lugar os xoves na Casa da Cultura de Silleda.

 “Ao igual que en anos anteriores queremos ofertar aos nosos maiores propostas variadas que lles axuden a manterse activos tanto no aspecto físico como emocional, a maioría delas sen custes para os usuarios”, explica a concelleira Pili Peón.

O obradoiro de memoria tamén figura na axenda para os vindeiros meses, e celebrarase os martes de 11:30 a 12:30 na Casa da Xuventude de Silleda e os venres de 11:30 a 12:30 no Centro Social da Bandeira.

Estas tres actividades son gratuitas.

No caso de actividades artísticas, a oferta inclue dúas actividades que ser realizarán na Casa da Xuventude. Alí haberá un curso de pintura (a partir de xaneiro) que se celebrará os mércores de 11.00 a 12.00. Tamén se celebrarán sesións de manualidades coa actividade Traballo coas mans, os mércores de 15.30 a 16.30. Estas dúas actividades son gratuitas pero non inclúen o material.

Por último, tamén se celebra todos os martes e xoves o curso de  ximnasia terapéutica e iniciación a pilates de 10.15 a 11.30 no Centro Social dos Maiores de Silleda. O custe é de 15 euros ao mes.