Comezan as obras de canalización de augas no lugar de Pedrouzo, en Graba

Silleda, 10 de outubro de  2016.  O Concello de Silleda, a través do departamento de Obras e Servizos que dirixe Klaus Brey, iniciou hoxe as  obras de canalización de aguas pluviais e tarefas de drenaxe no lugar de Pedrouzo, na parroquia de Graba.

Klaus Brey e o alcalde, Manuel Cuiña,  visitaron  o lugar onde esta actuaación era moi agardada polos veciños á vista da problemática que se xeraba co encharcamento da zona, sobre todo durante o inverno.

Esta actuación acometese unha vez recibida a preceptiva autorización por parte do organismo Augas de Galicia para as obras de canalización de augas pluviais na zona de servidume e policía do regato de Pedrouzo, afluente do río Toxa, que discorre polo entorno do lugar.

A obra  evitará a formación de grandes bolsas de auga, que están a causar unha grave prexuízo no vial de acceso ó lugar, causando danos na infraestrutura viaria e afectando tamén a algunha vivenda.

Os traballos consistirán na canalización das augas pluviais mediante a formación dunha cuneta entubada nunha lonxitude de 151 metros, ata unha arqueta de infiltración de aros de formigón, situada a unha distancia mínima de 10 metros dende o leito do rego, nun trazado en planta con forma de L, no que se disporán de 3 arquetas de rexistro intermedias.

“Esta era unha obra moi necesaria e que sen dúbida mellorará o tránsito na zona e a calidade de vida dos residentes no lugar”, explica o rexedor. Dada a dificultade dos traballos, ao ter que facer a substitución de toda a tubaxe que se instalou no tramo no seu día, está previsto que se prolonguen durante unhas dúas semanas.

Dende o Concello de Silleda agradécese a comprensión dos usuarios para evitar transitar por esta pista durante a realización das obras. “Trátase dunha actuación con certa complexidade e que queremos que se remate en condicións para zanxar de unha vez por todas a problemática das inundacións nesta zona”, remarca Cuiña.