Comezan as visitas de seguemento do programa de compostaxe doméstica en Silleda

Silleda, 28 de setembro de 2015.  O programa de compostaxe doméstica posto en marcha o pasado mes de xullo polo Concello de Silleda inicia mañá a fase de seguemento.

Así, técnicos especializados realizarán visitas durante as vindeiras tres xornadas (dende martes e ata o xoves) para realizar o seguemento nos 50 composteiros instalados en distintos puntos do municipio.

Entre os traballos que realizarán os técnicos figura a revisión das condicións de humidade e temperatura, ou os aspectos e aporte dos restos do compost.

Ademais tamén atenderán os problemas que se lle plantexaron nestes meses aos usuarios e usuarias que participan no programa, e aportarán recomendacións de uso e mellora aos participantes.

Logo de sumarse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, o Concello de Silleda puxo en marcha o programa a mediados do mes de xullo, con unha sesión informativa e a entrega dos 50 composteiros aos veciños e veciñas que solicitaron participar colaborando con esta técnica de reciclaxe de residuos.

Previamente tamén se organizara unha visita con asociacións e colectivos á planta de xestión de residuos de Sogama en Cerceda para coñecer de primeira man as vantaxes da compostaxe doméstica.

Con este programa búscase capacitar á poboación para fabricar compost a escala doméstica, obtendo un abono natural para fertilizar hortas, xardíns e terras de cultivo.

“Así mesmo, queremos concienciar á poboación sobre a problemática dos residuos e ao mesmo tempo reducir a cantidade de lixo no noso municipio, e así abaratar tamén custes”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Klaus Brey.

Entre os 50 participantes figuran veciños e veciñas de Abades, Carboeiro, Cira, Cortegada, Chapa, Dornelas, Lamela, Laro, Manduas, A Bandeira, Margaride, Martixe, Moalde, Negreiros, Parada, Pazos, Rellas, Saídres, Silleda e Vilar.

Inscricións de reserva e programa da Deputación

Por outra banda, o Concello ten previsto continuar potenciando a reciclaxe cun proxecto piloto previsto en principio para os dous núcleos urbanos do municipio (Silleda e A Bandeira) coa dotación de composteiros domésticos.

Neste caso a iniciativa realizaríase a través do programa que ten previsto poñer en marcha a Deputación de Pontevedra. “Esta idea xurdiu logo de ver tamén o éxito que están a ter os composteiros domésticos en localidades de Euskadi e Navarra con características e dimensións moi parecidas aos dous núcleos urbanos de Silleda ”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que participou a principios deste mes xunto co concelleiro de Medio Ambiente na visita a estas localidades programada polo organismo provincial.

Así mesmo, e dado o interese dos veciños por participar neste programa, o departamento municipal de Medio Ambiente abrirá un prazo de inscricións para reserva para todos aqueles que desexen sumarse en canto se poñan en marcha novas iniciativas. As persoas interesadas poden inscribirse nas dependencias da Casa da Cultura de Silleda.