Convocada a Mesa da Auga para dar conta das negociacións con Espina y Delfín

Silleda, 23 de agosto de 2016.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, vén de convocar unha nova sesión da Mesa da Auga, órgano na que ademais dos grupos municipais están representandos distintos colectivos do municipio.

A reunión celebrarase o vindeiro luns día 29, ás 20:00 horas na sala de xuntas da casa consistorial, e nela darase conta do acordo entre o Concello de Silleda e a empresa Espina y Delfín para saldar a débeda pendente, logo das negociacións iniciadas o pasado mes de maio.

Así mesmo, o alcalde tamén ten previsto abrir nesta sesión da entidade o debate sobre o futuro da concesión do servizo de abastecemento de auga no municipio.

Logo de informar á Mesa da Auga, na que ademais dos grupos políticos figuran como membros os colectivos veciñais Olaia e Avema e a asociación ECOS, o acordo económico será elevado ao Pleno.

Acordo pechado hoxe

O pasado mes de maio Manuel Cuiña e o secretario xeral iniciaron a ronda de contactos cos representantes de Espina y Delfin para negociar a débeda que a empresa reclama ao Concello.  Hoxe mesmo celebrouse a última das reunións, na que xa se acadou un acordo entre as dúas partes.

As bases da negociación sentáronse sobre o informe de Secretaría aprobado xa no pleno da Corporación.