Emprendedores do sector agrario avogan en SIlleda por modificar os hábitos de consumo e fomentar o consumo de proximidade

Silleda, 16 de setembro de 2016.  Aproveitar os recursos naturais e cambiar as conductas e hábitos de consumo fomentando o comercio responsable e de proximidade. Esa é a filosofía para acadar o éxito na que coincidiron hoxe os poñentes da segunda xornada formativa do Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda á que asistiron unha vintena de persoas na Casa da Cultura da localidade.

O alcalde, Manuel Cuiña, e os  concelleiros Pilar Peón e Jesús Taboada, que tamén participaron na xornada, agradeceron a participación dos poñentes neste segundo ciclo.

Rosendo Estévez, xerente de Trasdeza Natur, Paula Patiño, de Conservas A Castrexa e Nacho Carballal, produtor da asociación 4 Ponlas, narraron a súa experiencia como emprendedores no mundo agrario nunha sesión na que se abriu un interesante coloquio co público e coa que se buscaba tamén fomentar contactos de cara á posta en marcha de novas iniciativas.

O silledense Estévez, biólogo e cunha ampla experiencia como docente de cursos relacionados co mundo da horta e das plantas, abriu a sesión coa que foi a presentación pública de Trasdeza Natur, un proxecto familiar que xurdiu cando a súa dona quedou en situación de desemprego. A posta en marcha do Centro Agrario de Silleda foi o acicate definitivo para transformar a súa horta de autoconsumo en Cortegada nunha “empresa familiar de producción natural”. Así define Estévez a plantación en bancais que conta xa con 4.000 metros cadrados de cultivos asociados e que prevén ampliar ata os 6.000 metros.

Trasdeza Natur xurde tamén coa idea de dar o paso á transformación alimentaria sobre todo dos excedentes de producción e tamén con carácter formativo e experimental, abrindo a súa horta ao público.

“Temos que aproveitar os recursos dos que dispoñemos, vivir desto é posible”, sinalou Estévez avogando ao igual que os seus compañeiros por tratar de cambiar os hábitos e condutas dos consumidores.

Finalmente foi Francisco Ferreiro, profesor da USC e responsable de Quorum Económico, entidade que está a facer o mapa agrario de Silleda, o encargado de moderar as intervencións e presentar aos outros dous participantes.

Trámites administrativos

Paula Patiño, de Cambre, que hai dous anos creou Conservas A Castrexa, mudou a súa vida na cidade volvendo as orixes e apostando pola transformación de produtos da terra. A súa firma comercializa dende as mermeladas máis tradicionais ata novidosos sabores coma a mermelada de augardente, de licor café ou de viño, entre outros. Esta emprendedora, que tamén colabora con empresas culturais, advertiu das dificultades que a veces se topan os artesáns coma ela ou os produtores cos trámites administrativos. “A día de hoxe é o problema máis grave que temos”, dixo respeto a unha tramitación “lenta e complicada que non se axusta ás necesidades do produtor”, engadiu.

Ao igual ca ela, Nacho Carballal, un dos socios de 4Ponlas, tamén cambiou a súa vida para voltar ao rural. Este membro do colectivo de Cesantes (Redondela) leva 6 anos no proxecto que naceu da unión de distintas hortas ecolóxicas que a través do traballo colectivo das terras buscaron unha maior rendabilidade.  Á volta as técnicas de cultivo tradicional tamén está detrás deste colectivo que organiza un existoso mercado en Pontevedra.

Os tres coincidiron en que a súa experiencia como emprendedores no rural “paga a pena”. No debate xurdiron cuestións relacionadas coas fórmulas de comercialización, un dos problemas cos que habitualmente se atopan os produtores, a falta de información dos usuarios e a necesidade de fomentar un comercio local, de proximidade reeducando ao consumidor no relacionado coa alimentación.

O turismo agrícola ou a conexión entre a horta e a hostalería foron outros dos asuntos tratados na xornada, na que se eloxiou a iniciativa de Silleda co Centro de Desenvolvemento Agrario. “O noso obxetivo é precisamente apoiar a todas aquelas persoas que queiran emprender, que queiran vivir da terra, e por iso apostamos polo sector primario”, rematou o alcalde, que avanzou novas xornadas e cursos en vindeiras datas.