En marcha a licitación da reforma do campo de fútbol de Outeiriño

Silleda, 29 de abril de 2017. O Concello de Silleda puxo xa en marcha os procedementos administrativos para dúas agardadas actuacións no ámbito das  infraestruturas deportivas.

Así, a xunta de gobernó local acordou xa a pasada semana iniciar o expediente de licitación das obras de reforma do campo de fútbol de Outeiriño, en Silleda, no que se investirán 214.107,38 euros. Unha vez aprobados o proxecto e prego de cláusulas administrativas para contratar as obras por procedemento negociado acordouse solicitar oferta a tres empresas do sector.

Esta actuación suporá a renovación do térreo de xogo, instalado no ano 2006 con céspede artificial e que acusaba un gran deterioro. Con esta actuación daráse resposta aos numerosos usuarios que veñen utilizando estas instalacións. Esta é unha das actuacións incluídas nos orzamentos municipais deste ano.

Por outra banda, na última sesión da xunta de gobernó desta semana aprobáronse os pregos para iniciar o procedemento de licitación, por concurso aberto, para realizar a primera fase de mellora do campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira, por importe de 438.177 euros. O procedemento para esta actuación, conveniada coa Deputación de Pontevedra, continuará coa publicación no BOP de Pontevedra dos pregos de cláusulas administrativas que regularán a contratación das obras.

"Con estas dúas actuacións culminaremos dúas reformas necesarias das nosas infraestruturas deportivas que vimos mellorando nos últimos anos", explica o alcalde, Manuel Cuiña.