En marcha as obras de acondicionamento da nova sede da Escola de Música

Silleda, 29 de xuño de 2015. Hoxe, tal e como se avanzara a semana pasada deron comezo os traballos de acondicionamento das dependencias que albergarán a sede da Escola de Música de Silleda.

Os traballos previos para o acondicionamento do local, no edificio do recinto feiral, iniciáronse coa desmontaxe dos teitos, tarefa á que seguirá o derribo dos tabiques interiores.

Tal e como xa se avanzou, nestes traballos previos tamén se inclúen os cambios necesarios relativos á instalación de luz e agua.

Unha vez rematados estes traballos previos, procederase a realizar o estudio acústico, para iniciar despois as obras de acondicionamento propiamente ditas.

Esta última actuación suporá unha inversión de 60.000 euros, partida que xa figura nos orzamentos que se someterán mañá a aprobación inicial no pleno extraordinario (11.00 horas).

“Axilizaremos os prazos ao máximo posible para que a nova sede da Escola de Música esté lista xa no inicio do curso, o vindeiro mes de setembro”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.