Entregado o I Premio á Normalización Lingüística no sector comercial do Concello de Silleda e as primeiras cartas de menús en tres idiomas

Silleda, 2 de xullo de 2014. Hoxe  celebrouse na Casa da Cultura de Silleda, no marco da exposición Silleda no secúlo XIX un acto cultural coa normalización lingüística como protagonista.

Así, entregáronse o I Premio á Normalización Lingüística do Concello de Silleda no sector comercial e empresarial, que recibiu Emse Deseño Gráfico, e as dúas primeiras cartas de menús en tres idiomas (galego, castelán e inglés) aos restaurantes Carballeira do Chousiño e Restaurante González.

A concelleira de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística, Margarita Campos, abriu o acto presentando estas dúas iniciativas postas en marcha xunto co IES Pintor Colmeiro e a Secretaría Xeral de Política Língüística, aos que agradeceu a súa participación e implicación.

Campos felicitou a José Antonio Gómez Moreira (Emse) , o mozo deseñador gráfico que gañou esta primeira edición do certame así coma aos seis establecementos restantes que concorreron ao premio amosando, como recolle a acta, “un elevado grao de compromiso co idioma galego”.

En canto ás cartas de menús, unha iniciativa totalmente gratuita para os hostaleiros, a concelleira sinalou que se trata dun proxecto  “moi interesante, sobre todo tendo en conta que cada vez son moitos os visitantes extranxeiros que chegan a Silleda a través do Camiño de Santiago” e animou aos establecemetos de Silleda a continuar os pasos destes dous restaurantes, que recibiron as cartas de mans do director do IES, Xesús Fernández Sulleiro, que falou de cómo xurdiu esta idea de colaboración entre o centro educativo e o Concello.

No tocante ao premio de normalización, o profesor Cibrán Arxibai tamén explicou durante o acto o proceso de valoración dos 7 establecementos presentados, que se terán en conta para futuras edicións do certame, facendo unha baremación de distintos ítems nos comercios, realizada polos alumnos/as do Ciclo Medio de Comercio e Superior de Xestión Comercial e Márquetin, representados no acto pola profesora Helena González.

Emse, que acadou a puntuación máis alta,  recibiu ademais dun diploma acreditativo, entradas para realizar visitas guiadas ao Museo do Pobo Galego, Casa Museo de Rosalía e á exposición “Auga Doce”, na Cidade da Cultura, así como distinto material lúdico educativo (libros, discos..) por cortesía da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O gañador quixo agradecer ao Concello, á Xunta e ao centro educativo este galardón, así como felicitalos pola iniciativa.

O alcalde, Manuel Cuíña, acompañado tamén polo edil de Comercio, Luis Rodríguez, agradeceu o traballo e a “colaboración que sempre atopamos” no IES Pintor Colmeiro, “con iniciativas como esta que redundan en beneficio de todo o pobo”, e eloxiou o apoio de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística “un veciño máis deste concello moi querido en Silleda e que sempre está ahí para todo o que precisamos”, engadiu antes de entregar varios catálogos da mostra Silleda no século XIX, xunto con unha cerámica conmemorativa da exposición ao IES e ao secretario xeral.

Xa por último Valentín García destacou as dúas iniciativas, sinalando que a visibilización do galego “non só hai que facelo dende actos culturais senon tamén dende todos os sectores socioeconómicos”. “Iniciativas coma esta son a proba de que o proceso de normalización avanza”, engadiu.

Así mesmo, no tocante as cartas en tres idiomas, lembrou que dende a Xunta se busca tamén apostar pola promoción do galego na Vía da Prata, “que ten ser un eixo vertebrador de coñecemento lingüístico, que todos os que nos visitan saian de aquí sabendo que temos lingua propia e secularmente coñecida”, engadiu.

Valentín García amosouse convencido no tocante ao premio á normalización que o certame terá continuidade, ofrecendo o apoio da SXPL para vindeiras iniciativas.

Máis de 700 visitas

O acto rematou con unha visita dos asistentes á mostra Silleda no século XIX, que estará aberta ata o vindeiro domingo día 13 de xullo e que leva xa máis de 700 visitas rexistradas dende a súa apertura o pasado 7 de xuño.