Fomento autoriza o corte da N-525 para a celebración das festas de verán da Bandeira

Silleda, 7 de xuño de 2013. O Ministerio de Fomento vén de comunicar ao Concello de Silleda a autorización para o corte da estrada nacional Santiago-Ourense (N-525) para a celebración das festas de verán da Bandeira. O corte do vial para o tráfico, que cómo ven sendo habitual se desvía ao seu paso pola localidade tería lugar entre os días 16 e 18 de agosto.

Dende o goberno municipal, a alcaldesa, Paula Fernández Pena, agradece á Administración central que volvan a permitir o desvío do tráfico, “unha medida moi necesaria por motivos de seguridade, dada a grande afluenza de persoas que acuden durante eses días á Bandeira”, engade. A medida foi solicitada hai varias semanas dende o Concello á Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

A alcaldesa fai ademais un chamamento á cidadanía para velar por un desenvolvemento das festas en total normalidade, evitando danos e desperfectos e respetando ademais as sinais de circulación que se coloquen coa desviación do tráfico.

O Concello de Silleda terá que facer un depósito de 12.000 euros, a modo de aval, para poder desviar o tráfico, unha medida imposta por Fomento á vista dos desperfectos causados no vial en anos anteriores.

Solicitude á Axencia de Turismo de Galicia

Por outra banda, o goberno municipal acordou solicitar á Axencia de Turismo de Galicia, unha axuda para o apoio, difusión e promoción da Festa da Empanada da Bandeira, o prato forte das celebracións, que terá lugar o día 17 de agosto, coa 39 edición da cita gastronómica.

A axuda solicitada a proposta do concelleiro de Turismo, Klaus Brey, chega ao abeiro das subvencións para festas declaradas de Interese Turístico, e sería por importe de 3.500 euros.

“Agardamos que dende a administración autonómica se teña en conta a importancia desta celebración, todo un clásico dende hai case 4 décadas, que reúne a milleiros de persoas ano tras ano”, sinala Klaus Brey.