Hoxe acéndese o alumeado de Nadal das asociacións en Silleda e na Bandeira

 

Silleda, 18 de decembro de 2012. Esta noite acenderase o alumeado nalgúns puntos das vilas de Silleda e da Bandeira grazas á colaboración de colectivos sociais, logo da proposta feita polo Concello de Silleda, a través da Concellaría de Cultura.

Na Bandeira, onde colaboran varios colectivos (Avema, Amigos a Empanada, Centro Cultural Vista Alegre e Ana Brincadeira, Xenerais do Antroido), xa se estrenou onte luns a árbore e os adornos colocados pola Anpa. Esta noite será o prendido de algúns  adornos lumínicos que asumirá a Asociación de Amigos da Empanada, que corre cos gastos contando co superávit da entidade, cunha pequena cantidade.

Na vila de Silleda, despois do ofrecemento feito a varias asociacións, Olaia respondeu á proposta. Así, ademais de asumir os gastos de parte deste alumeado, (nas rúas máis céntricas ) xestionou  a colaboración de dúas empresas nesta iniciativa: Asesoría Rivas e Iberdrola.

“Hai que agradecer a estas dúas empresas a súa colaboración porque dende a Concellería de Cultura tamén llo pedimos a Hidroeléctrica de Silleda e aínda estamos agardando”, sinala o concelleiro Matías R. Da Torre. “ A partir desta noite haberá alumeado tanto nas dependencias municipais onde se celebrarán actividades coma nas dúas vilas, grazas as asociacións Amigos da Empanada e Olaia”, sinala Da Torre, que fai extensivo o agradecemento ao resto de colectivos que participan na iniciativa e aos particulares que se sumaron adornando as súas ventás, casas, fachadas….

 

Premio ao mellor decorado

Esta convocatoria aberta á cidadanía (tanto a particulares como colectivos) para as decoracións de Nadal tamén contará cun premio á mellor proposta decorativa. Para participar nesta iniciativa non é preciso anortarse, xa que un grupo de persoas que formará parte do xurado estará de xeito permanente nestas datas visionando polas vilas os distintos decorados. O fallo do premio darase a coñecer o vindeiro día 7 de xaneiro. “A proposta de premiar ao mellor decorado, que nos suxeriu un particular, servirá para animar aos veciños e veciñas a participar nesta fórmular colectiva da decoración de Nadal”, engade Da Torre.