Iniciadas as obras de instalación do ascensor na Casa da Cultura de Silleda

Silleda, 7 de novembro de 2015. As obras do ascensor da Casa da Cultura de Silleda están xa en marcha. A empresa que resultou adxudicataria dos traballos -Endenor S.L.- comenzou en días pasados os traballos para contar con esta dotación. O ascensor situarase na fachada traseira do edificio, tal e como se recolle no proxecto aprobado polo goberno municipal.

Con esta dotación mellorarase a accesibilidade neste edificio público. O concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, visitou as obras coas que se da cumprimento a un dos servizos máis ansiados neste inmoble.

“A instalación do ascensor na Casa da Cultura era unha necesidade. Nas vindeiras semanas, unha vez que rematen as obras, veremos por fin como se melloran as condicións deste edificio que ata agora carecía deste servizo”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Os traballos suporán unha inversión de máis de 50.000 euros. Esta dotación súmase á caldeira de biomasa que quedou instalada o pasado mes de setembro no recinto –onde tamén se ubican as dependencias da biblioteca- e que suporá un aforro no tocante ao consumo enerxético.

Con estas dúas notas dotacións Cuiña advirte que o edificio “mellorará sustancialmente as condicións de habilitabilidade” e lembra a súa proposta de realizar un referéndum para consultar “a todos os cidadáns o posible traslado do Concello a actual Casa da Cultura”.

Con esta iniciativa buscaríase centralizar todos os servizos municipais nun só recinto “facilitando e axilizando os trámites aos usuarios e logrando ademais un maior aforro económio”.

En todo caso, o rexedor sinala que a súa proposta, avanzada xa durante a pasada campaña electoral, “deberá  irá refrendedada pola opinión maioritaria dos veciños e veciñas de Silleda”, engade.