Iniciados os traballos de derrube dunha casa en Taboada que dificultaba o acceso nunha pista

 

Silleda, 4 de setembro de 2013. Hoxe comezaron os traballos de derrube dunha vivenda en ruinas situada no lugar de Taboadavella, na  parroquia de Taboada. Esta construcción viña dificultando enormemente o paso do tráfico por un camiño municipal, impedindo o acceso á aldea a vehículos  pesados e outros como ambulancias, cuestións preocupantes en caso de haber algún tipo de incidente ou emerxencia.  

Ante esta situación, o Concello de Silleda decidiu o ano pasado mercar esta propiedade, en estado de abandono, para proceder á súa demolición e ampliar o acceso. “Con esta medida, o camiño quedará por fin despexado para facilitar o acceso á aldea e o tránsito de vehículos”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña que hoxe se achegou ata o lugar. Os traballos foron adxudicados á empresa Fernández Sarmiento.

Coa  pedra o Concello disporá de abastecemento de cantería para a realización de obras municipais. Así, ademais de empregala no arranxo de fontes, ou en muros tamén está previsto que se coloque noutras actuacións.

 O Concello de Silleda pagou o pasado ano 6.000 euros por esta propiedade, logo de chegar a un acordo co propietario. “Dende o goberno local fixemos un esforzo económico para asumir esta actuación, que ademais de solucionar o problema do estreitamento da pista, tamén nos permite dispoñer de material de canteiría para realizar distintas obras dende o Concello, así coma do terreo”, sinala Cuíña. Unha vez que conclúan os traballos de demolición adecentarase o terreo no que se asentaba esta casa, no que tamén se estudarán futuras actuacións como a dotación dun espazo público.