Instalados os mini puntos limpos de Silleda e A Bandeira

Silleda, 13 de xuño de 2017.  Na xornada de hoxe martes procedeuse á instalación de senllos mini puntos limpos nas localidades de Silleda e da Bandeira. Estas instalacións, sen custes para o Concello logo de asinar un convenio coa firma Blipvert, contan con depósitos para recoller ata sete modalidades de residuos. Así teñen dous depósitos para pilas (convencionais, alcalinas, de petaca e de botón), e baterías de móbiles; un para teléfonos móbiles; outro para CD/DVD; un para cartuchos de impresora de inxección, para lámpadas de baixo consumo e outro para RAEES (residuos de aparellos electrónicos ou eléctricos que leven pilas ou se poidan enchufar á corrente).

En Silleda a instalación localízase na rúa Trasdeza, no cruce coa rúa Progreo, e na Bandeira no entronque da rúa Camilo José Cela coa rúa Xeral.

Con esta iniciativa búscase facilitar  aos veciños e veciñas o correcto depósito deste tipo de residuos sen necesidade de ter que achegarse ata o punto limpo, ubicado en Margaride. Estas instalacións veñen  a complementar a rede de recollida de residuos no termo municipal de Silleda que se vén mellorando dende os últimos anos e completándose cos colectores de aceites usados, ou os de  roupa, calzado e textil, tamén dispoñibles para a cidadanía nos dous cascos urbanos.

Así mesmo, o Punto Limpo situado en Margaride, un servizo totalmente gratuito e para particulares, está aberto todos os mércores e sábados en horario de 09:00 a 14:00 horas.