Mª Pilar Peón, nova presidenta do Consello Municipal de Educación

Silleda, 23 de xaneiro de 2014. O Consello Municipal de Educación de Silleda celebrou hoxe unha nova sesión ordinaria na que se abordaron distintos temas. Logo da lectura da acta da sesión anterior procedeuse ao cambio na composición, pasando a estar o Consello presidido por Mª Pilar Peón, como concelleira de Educación. Será a única representante do Concello, ao obstentar tamén o cargo de concelleira de Participación Cidadá (segundo o reglamento o concelleiro/a desta área é tamén vocal). Ademais Soledad Rey, traballadora municipal, pasa a ser secretaria, substituíndo a Ramón Barcala.

Á sesión acudiron os directores do CEIP de Silleda, CEIP da Bandeira, Colexio María Inmaculada e a Anpa Brincadeira (os representantes da Escola Infantil e do Ies Colmeiro non puideron acudir por distintos motivos).

No transcurso da reunión, os membros da comunidade educativa expuxeron as súas respectivas demandas, relativas ao mantemento das instalacións dos centros. Así mesmo, quixeron agradecer as obras e actuacións realizadas dende o Concello durante os últimos meses. Así agradeceuse a renovación da cuberta do pavillón da Bandeira, que pese a ser municipal é unha instalación que utiliza o alumnado do CEIP, os cambios na entrada ao Colexio Mª Inmaculada (que se completarán coa actuación do paso de peóns en canto mellore o tempo), ou a mellora na presión da auga no CEIP de Silleda, con grandes deficiencias nas plantas superiores.

Outro dos puntos abordados refirese a celebración de concursos a nivel escolar, no que xurdiron propostas para modificar os criterios nos premios.

Dende a Concellería de Educación tamén se propuxo a realización de distintos obradoiros, entre eles de banda deseñada, rutas do románico, escritura creativa, teatro, ou a visita a observatorios astronómicos que se completaría coa lectura do libro El Universo para Ulises, do escritor Juan Carlos Ortega.

Ademais, tamén se falou da continuidade dos bancos de libros, que xestionan as Anpas e que están a ter unha boa acollida.

Outro dos asuntos tratados foi a continuidade do programa de reforzo escolar, para o que volverá a solicitarse a subvención, incluíndo tamén a preparación de probas de acceso a ciclos medios e obtención do Graduado  en ESO por libre

“Foi unha sesión moi productiva, na que se amosou a boa sintonía e colaboración entre o Concello e a comunidade educativa”, sinala Mª Pilar Peón.