Máis de 70 veciños e veciñas do rural participan en distintos cursos organizados pola Concellería de Cultura

Silleda, 31 de xaneiro de 2014. Os cursos organizados polo departamento municipal de Cultura para os veciños do rural de Silleda continúan desenvolvéndose en distintos puntos do municipio. En total participan 74 veciños e veciñas no rural, que se apuntaron en distintas modalidades.

As relacionadas co exercicio físico son as que tiveron un maior éxito. Así, a día de hoxe estánse a impartir clases de ximnasia de mantemento en Abades (coa asistencia de 14 persoas); Lamela (8 persoas); e Cervaña (con 10 participantes) . En  Cortegada celébranse sesións de Aeróbic onde acuden 13 persoas, e no centro social de Laro, clases de Pilates, con outras 8 persoas.

Así mesmo, en Oleiros no centro social da parroquia impártese un curso de manualidades, con 9 participantes, e en Vilar está a piques de rematar o ciclo de Arte Floral, tamén con unha ducia de participantes.

Dende a Concellería de Cultura lémbrase que a oferta de cursos do rural, con 19 especialidades, segue aberta ata o vindeiro mes de abril. “Calquera persoa ou asociación que esté interesada en participar en algunha das actividades ofertadas este ano aínda pode poñerse en contacto co Concello para informarse ou solicitar que se impartan cursos na súa parroquia”, sinala.

Ademais actividades relacionadas co exercicio físico, como son as de aerobic-baile, Pilates, bailes de salón e ximnasia de mantemento. Tamén se ofertan outras relacionadas coa creación e expresión artística (teatro, pintura e fotografía; e tamén de manualidades, calceta e tamén un curso de cociña.

No ámbito da artesanía, destacan dous ciclos, o de cestería e coiro, así coma un de flores de papel , centros con material reciclado ou arte floral con flor artificial.

O  listado de cursos tamén inclúe outras actividades relacionadas co cultivo e a horta. Así, neste grupo ademais do curso de poda e propagación de plantas, tamén se oferta un curso de horticultura ecolóxica, un básico de fruticultura e outro de instalación e mantemento de xardíns.

O prezo, para todos os casos é de 15 euros por persoa ao mes. Todas aquelas persoas residentes no rural que estén interesadas en participar deben de chamar ao departamento de Cultura (986 581028) ou ben poñerse en contacto, se fora o caso, coa asociación veciñal/cultural da súa parroquia.