Manuel Cuiña reitera ante a Consellería de Cultura a necesidade de acometer actuacións urxentes de conservación en Carboeiro

Silleda, 12 de outubro de 2016. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, vén de remitir unha nova petición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, solicitando a súa intervención no mosteiro románico de San Lourenzo de Carboeiro.

Na carta, na que se reitera a petición cursada o pasado mes de xullo, Cuiña advirte que dende a visita que realizaron en setembro de 2015 técnicos de Patrimonio, ainda non se puideron concretar coa Administración Autonómica medidas de actuación. “Dende a visita técnica realizada por expertos da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en setembro do pasado ano, xa intentamos poñernos en contacto coa Consellería, para explicarlle polo miúdo o estado en que se atopa tanto a igrexa coma o conxunto arquitectónico”, indica o rexedor.

A petición acompáñase do informe técnico realizado entón, co diagnóstico elaborado por técnicos da propia Xunta “e no que se observa o actual deterioro do conxunto de Carboeiro”, indica, sinalando que este informe evidencia ademais “a urxente necesidade de acometer determinadas obras, tanto de conservación como de rehabilitación”, engade Cuiña.

O propio informe sinala que no caso de que o Concello non poida financiar estas actuacións, debería estudarse a posibilidade de intervención por parte doutras Administracións, sobre todo nas obras de maior urxencia, caso do muro de contención, a cuberta do edificio monacal, ou a realización dun estudo de conservación das portadas e as pinturas muráis no ábside do templo.

Cuiña lembra que a importancia do mosteiro de Carboeiro, declarado Ben de Interese Cultural en 1931 traspasa o ámbito local, e que a colaboración da Xunta a nivel técnico e económico é “fundamental para velar pola correcta conservación de todo un emblema que é patrimonio de todos e que non podemos descoidar”, engade.

A situación das cubertas, coa filtración de auga, o deterioro das figuras das arquivoltas (sobre todo na fachada principal do edificio), ou os derrubes nos muros de contención son algunhas das cuestións que máis preocupan sobre o estado de Carboeiro.

O Concello de Silleda, á vista do deterioro no conxunto de Carboeiro –un dos emblemas do románico oxival galego- dos últimos anos, solicitou o pasado ano a visita dos técnicos para avaliar a situación, remitindo xa entón un listado coas deficiencias máis apremiantes.

“Agradecemos que daquela responderan con celeridade á hora de facer o diagnóstico,  pero agora agardamos que dende a Administración Autonómica se de canto antes unha resposta á vista das actuacións recomendadas polos especialistas e se poidan concretar as actuacións a levar a cabo en Carboeiro, un enclave que visitan cada ano milleiros de persoas”, engade o alcalde.