Manuel Cuíña reúnese coa nova directiva da patronal dezana

Silleda, 3 de xuño de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, reuniuse esta mañá co novo presidente da Asociación de Empresarios de Deza, Antonio Lamas. Ao encontro, celebrado na Alcaldía, tamén acudiron varios membros da directiva actual da patronal dezana, que presentou ao rexedor silledense as súas liñas de traballo.

Cuíña agradeceu a Lamas que acudirá a presentarse como novo responsable da entidade, que agrupa tamén a empresarios de Silleda. “Considero moi positivo que dende a Asociación de Empresarios de Deza se realicen este tipo de contactos e sobre todo que a entidade se abre a todos os municipios da comarca”, engade Cuíña.

Á vista desta nova filosofía de apertura ao tecido empresarial de toda a comarca, e tendo en conta que en Silleda hai máis de 20 establecementos asociados á AED, durante o encontro o alcalde, Manuel Cuíña, ofertou á nova directiva da patronal un local onde poder atender aos socios silledense con certa periodicidade. “Co fin de facilitar aos nosos empresarios, comerciantes e hostaleiros que forman parte como socios da AED o contacto e servizos da entidades en ter que desprazarse a Lalín, dende o Concello poremos a disposición da patronal un local onde poder atender aos socios de Silleda, desprazando un técnico na periodicidade que se estime oportuna”, engade o alcalde.

Cuíña agradeceu que dende a AED se aposte por este achegamento e amosou a total dispoñibilidade do Concello para colaborar coa entidade.

 Reunión co sector

Por outra banda, no encontro acordouse convocar unha reunión cos representantes  tecido empresarial silledense para formar grupos de traballo. Este encontro será convocado dende o departamento municipal de Comercio e Industria, que dirixe Luis Rodríguez. Convocarase así ás directivas da asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS), da Asociación de Empresarios do Polígono Área 33 e tamén membros do sector hostaleiro. “Agardamos que o encontro para informar sobre distintas cuestións relacionadas co sector e co funcionamento da patronal sexa positivo e se creen grupos de traballo para avanzar en distintas cuestións nestes tempos difíciles onde a suma de esforzos é unha das claves do éxito”, engade Cuíña.