O alcalde convocará a Mesa da Auga a partir do vindeiro mes de xaneiro

Silleda, 30 de novembro de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, convocará a Mesa da Auga a partir do vindeiro mes de xaneiro para abordar entre outros a situación do abastecemento unha vez que remate a concesión municipal á empresa Espina y Delfín.

Esta concesión, outorgada no ano 1996 por un prazo de 20 anos, rematará o vindeiro mes de xuño.

“Tal e como xa se avanzou no pleno ordinario da pasada semana, a partir de xaneiro teremos distintas sesións de traballo para analizar o futuro da xestión do servizo de abastecemento, entre outros temas”, explica Manuel Cuiña.

O alcalde avanza que a día de hoxe “o goberno municipal ten en mente distintas propostas para analizar” e “agardo que dende o resto dos grupos tamén se acheguen ideas para solventar unha cuestión que leva anos pesando como unha lousa neste Concello, logo dunha concesión feita de maneira totalmente irresponsable por gobernos anteriores, a vinte anos vista, nada máis e nada menos”, remarca o alcalde.

Cuiña advertiu, a preguntas da oposición, que a débeda contraída con Espina y Delfín se contemplará en futuros orzamentos.

Dende a Fegamp

Por outra banda, o pasado venres Cuiña asistíu como representante da Fegamp á sesión do Consello Reitor de Augas de Galicia, onde defendeu a necesidade de que  a Xunta “asuma inversión tanto de abastecemento como de saneamento nos municipios rurais da nosa comunidade”, engade. Cuiña lembra que a Administración Autonómica “meteu con calzador no seu día aos concellos o cánon da auga e agora se está incumplindo todo o que acordaron coa súa entrada en vigor”, engade.

Así lembra que no caso de Silleda o cánon da auga supón un desembolso anual de 120.000 euros, “e como mínimo debería de reinvertir nos municipios, con obras por exemplo de saneamento, que son moi importantes nas parroquias”.

Cuiña asegurou que defenderá estas inversión “dende as novas responsabilidades como membro da executiva na Fegamp e tamén dende as que me tocarán na Femp”, engadiu.

Asi mesmo, o alcalde vaticina que os Concellos terán que acabar “por recurir aos tribunais para que o cánon da auga revirta na creación de servizos, como marca a normativa, mentres imos asumindo na medida do posible a creación de infraestruturas para os veciños”, engade.