O alcalde de Silleda participa no Foro das Asociacións de Canéjan

Canéjan, 10 de setembro de 2016. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e a concelleira de Educación e Benestar Social, Pili Peón, continúan hoxe a súa axenda en Canéjan, a localidade francesa coa que se irmandará o municipio silledense. Logo da recepción do venres por parte dos comités de irmandamento de Canéjan e de Poggio Mirteto (localidade italiana coa que se irmandaron en 2003) a axenda continuo hoxe na Fête de Canéjan, un foro para as asociacions culturais, sociais, deportivas…

Guiados polo alcalde, Bernard Garrigou, e por membros do seu equipo, os edís silledenses percorreron este certame no que cada asociación conta cun stand para informar á poboación sobre a actividade dos seus colectivos e as vantaxes de pertencer a éstes. A Fête, que conta tamén con actividades e demostracións, está enmarcada nas festas da localidade.

“Parécenos unha moi boa iniciativa xa que en definitiva se pon en valor ao tecido asociativo do municipio ao tempo que se poden establecer novos contactos entre as asociacións”, indica Manuel Cuiña, destacando o alto potencial de Canéjan en canto ao asociacionismo. “Ao igual que acontece en Silleda onde temos un número moi importante de asociacións, aquí contan con colectivos que son os encargados de dinamizar a vida cultural, social e deportiva”, indica Cuiña destacando que con apenas 5.000 habitantes Canéjan conta con máis de 60 asociacións.

Na xornada de hoxe a delegación silledense tamén visitou o municipio de Canéjan, que garda moitas similitudes con Silleda e xa pola tarde está previsto que cursen outra visita a Bourdeaux, cabeceira da rexión situada a uns 20 kilómetros de Canéjan.

A visita de Cuiña e Peón rematará mañá domingo cun percorrido pola zona costeira desta rexión da Aquitania, na bahía de Arcachón.

Cuiña destaca a “hospitalidade e grande acollida” que lles está a brindar o pobo de Canéjan “que está moi ilusionado co irmandamento con Silleda”. Así, destaca que o futuro irmandamento con esta localidade francesa “pode ser moi proveitoso para dinamizar o noso municipio, tendo en conta tamén a ampla experiencia de Canéjan nas relacións de irmandamento, con proxectos de intercambio anuais dende hai máis dunha década. A día de hoxe Canéjan tamén está a preparar outro irmandamento con Nagykovácsi, en Hungría.

Comité a acordo plenario

Ao longo da visita Cuiña agarda concretar tamén as datas na que se formalizará a visita de membros de Canéjan a Silleda para asinar o acordo de irmandamento, que se prevé levar ao Pleno. De xeito paralelo procederáse a nomear o comité de irmandamento de Silleda, incluíndo a diferentes colectivos e grupos.

O obxectivo destas acción é crear liñas de colaboración en distintos frentes, para concorrer a axudas europeas, e afianzar as relación baseándose en distintos aspectos comúns.

Así, ademais do peso da actividade agraria nas economías locais de ambos municipios, Silleda e Canéjan comparten o seu marcado carácter rural, un importante patrimonio natural e cultural, ou a vertebración xeográfica entorno a  un río (río Deza e L’Eau Borde).

Situado no Cantón de Grandignan, Canéjan conta con algo máis de 5.000 habitantes e unha importante actividade social e cultural froito da existencia de máis de 60 asociacións. O desenvolvemento de iniciativas vinculadas á posta en valor do patrimonio natural e da actividade agraria sostible foron os puntos iniciais para abrirse camiño no futuro irmandamento.

Ao mesmo tempo , Canéjan conta con interesantes iniciativas como un rexistro de bosques e patrimonio natural dende 2007. O municipio, que conta cunha importante superficie adicada ao cultivo vitícola (sobre 200 hectáreas) mantén un notable compromiso coa sostibilidade e a reciclaxe.

“Os irmandamentos, que contribúen a crear un sentimento de identidade europea común, serviránnos como instrumento de desenvolvemento en distintos ámbitos, ao tempo que permitirán descubrir aos nosos veciños distintas formas de vida e culturas, entre outros”, engade Cuiña.