O Centro Cultural Vista Alegre exporá a partir de xaneiro unha talla dun cruceiro barroco atopada nunha casa da Bandeira

Silleda, 15 de decembro de 2017.  O Concello de Silleda depositará no Centro Cultural Vista Alegre a partir do vindeiro mes de xaneiro unha talla en pedra localizada nun patio da Bandeira o pasado mes de marzo.

Esta peza escultórica dunha virxe, que probablemente formaba parte dun cruceiro, data segundo os expertos do século XVIII.  

A peza foi entregada por unha veciña da Bandeira ao realizar obras no patio traseir da súa vivenda, sita na rúa Xeral, o pasado mes de marzo. Esta veciña, á que o Concello de Silleda agradece o xesto, entregou a peza no Concello para a súa posterior revisión por parte de Patrimonio, a onde se remitiu a peza para o seu preceptivo estudo.

Dende o Concello solicitouse ademais depositar a peza e expoñela na propia localidade, en concreto nas dependencias municipais do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, petición á que Patrimonio accedeu o pasado mes de setembro.

Así, nas vindeiras semanas esta talla de pedra será colocada nunha peana e coas preceptivas indicacións dos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio. Dende o Concello agradecese o xesto desta veciña ao entregar esta peza de pedra que agora poderá ser contemplada polo público na propia localidade na que se atopou.