O Centro de Desenvolvemento Agrario contará con cultivos experimentais nas fincas municipais de Ponte

Silleda,  6  de febreiro de 2016.   O Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda contará cos terreos municipais situados no lugar de Rosende, na parroquia de Ponte, dúas parcelas que suman 29.000 metros .

Os responsables do proxecto, que se iniciou en semanas pasadas, visitaron este recinto no que se levarán a cabo  cultivos experimentais relacionados co Centro de Desenvolvemento Agrario.

“O Centro terá a súa sede na antiga cámara agraria e este recinto municipal da parroquia de Ponte virá a complementar as instalacións servindo como zona de prácticas e para albergar cultivos experimentais”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que visitou a zona xunto co concelleiro de Medio Rural, Jesús Taboada, e os técnicos que están a realizar os traballos para a posta en marcha desta iniciativa.

A disposición dos veciños

Debido á extensión destas parcelas, que pasaron a mans do Concello de Silleda logo do histórico acordo coa Fundación Semana Verde para a compensación de débedas mútuas, dende o Concello tamén se reservará parte dos terreos para poñer a disposición daquelas persoas que carezan de terreos e estean interesados en contar cunha pequena horta.

“Esta proposta facémola pensando sobre todo nos veciños e veciñas do casco urbano  que non dispoñan de terrras e que queiran disponer dunha pequena parcela para ter os seus cultivos”, indica Cuiña. O alcalde destaca ademais a cercanía dos terreos ao casco urbano silledense, situados a pouco máis de 1 kilómetro da capital municipal.

“Consideramos que se trata de unha iniciativa de interese, a realizar en terreos que son de todos e todas os silledenses e que podemos aproveitar con esta doble vertiente: a de servir de zona para cultivos experimentais do Centro Agrario e a de ofertar a aqueles veciños que non teñan terras a posibilidade de contar con unha horta”, engade o rexedor.

Por outra banda, a partir da vindeira semana os técnicos de Quorum Económico, a empresa que traballa na posta en marcha do Centro de Desenvolvemento Agrario, poñeránse en contacto cos voluntarios/as que xa se inscribiron no Concello para participar nesta iniciativa municipal. Aínda así, aquelas persoas que estén interesadas poden continuar inscribíndose  poñendose en contacto co departamento de Alcaldía.

O equipo de Quorum leva xa varias semanas traballando na confección do mapa agrario, un estudo preliminar consistente na  recollida de información estatística e do medio físico do ámbito de estudo que comprende todo o termo municipal de Silleda.

Estímase que este estudo inicial se realizará nun prazo duns 7 meses. A rendabilidade dos cultivos é outro dos obxectos de estudo, con  asistencia técnica na que se determinen as principais producións e establecemento do seu albor de rendibilidade, así como o estudo xeral de rendibilidade por cada unha destas.

Canles de comercialización dos produtos e plan formativo

O Centro de Desenvolvemento Agrario xurde como proposta do goberno municipal como medida para revitalizar o rural e o sector primario. Con esta iniciativa búscase unha menor dependencia do sector leiteiro e un maior aproveitamento das terras adicándoas a actividades agrarias.

Unha vez realizado o mapa agrario, a empresa presentará un estudo sobre canles de comercialización dos produtos e deseñarán un plan formativo con recomendacións xerais.

Ademais de canles de comercialización tamén se creará unha escola agraria, sendo a formación outros dos piares desta ambiciosa iniciativa.