O CIM de Silleda ofrece este mes dez almorzos diarios a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

Silleda, 3 de decembro de 2013. O Centro de Información á Muller (CIM) de Silleda vén de iniciar una campaña a favor das mulleres que se atopan en situación de especial vulnerabilidade e que teñan familiares ao seu cargo. Baixo o lema ‘Café pendente’ durante este mes e ata a festividade do Nadal serviranse no CIM dez almorzos diarios todas as mañás.

Esta iniciativa xurde como unha medida de apoio urxente para colaborar dando cobertura ás necesidades básicas de alimentación. Aquelas mulleres que consideren que poden beneficiarse desta medida, poden achegarse ata as dependencias do CIM, siutadas no Centro Social de Silleda, para informarse.

“Con esta medida queremos dar resposta ás necesidades destas mulleres, cunha situación que se ve agravada pola crise económica actual, que afecta de xeito especial ao colectivo das mulleres”, sinala a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Dolores García.

Dende o departamento, no que o apoio ás mulleres é unhas das claves de actuación, agárdase poder continuar con iniciativas deste tipo “que pese a ser unha axuda puntual, coidamos que será unha medida que beneficia ás potenciais usuarias”, sinala Dolores García.

Os almorzos son preparados todas as mañás polo persoal voluntario que está a colaborar co Centro Social.