O Concello asina un convenio para dispoñer dun aparcamento público na rúa María Colmeiro

Silleda, 14 de febreiro de 2014. O Concello de Silleda vén de firmar un convenio cos propietarios do solar situado na rúa María Colmeiro número 21. Este terreo, situado casi fronte ao colexio María Inmaculada, está vallado actualmente e ten unha superficie de aproximadamente 400 metros cadrados.

Dende o goberno municipal negociouse nas últimas semanas coa familia propietaria a cesión deste terreo sen edificar para usar como aparcadoiro público e gratuito. A cesión de uso, segundo se recolle no convenio, ten unha duración indeterminada, podendo a familia propietaria reclamar o solar cando manifesten a súa intención de destinar a parcela a outros usos.

Pola súa banda, o Concello de Silleda comprométese a realizar as obras de acondicionamento necesarias para destinar o solar a aparcamento. Así, o alcalde, Manuel Cuíña, explica que en canto mellore o tempo, comezarán a realizarse os traballos nesta parcela, para poder comezar a usala como parquin.

Ademais da limpeza do solar, tamén se dotará dunha capa de zahorra, entre outras melloras. En principio manterase o peche e a cancela, considerando que a entrada ten unha anchura suficiente para permitir o acceso/saída de vehículos.

Dende o goberno local quere agradecerse á familia propietaria este xesto “que sen dúbida algunha beneficiará a moitos veciños e veciñas”, engade o alcalde. Manuel Cuíña lembra tamén que a comunidade educativa do Colexio María Inmaculada ten manifestado en máis dunha ocasión a súa inquedanza pola falta de aparcamento na rúa María Colmeiro e as medidas de seguridade vial no entorno do centro.

“Respondendo a esta petición negociamos coa familia propietaria a cesión deste céntrico solar para a dotación do aparcamento, un recinto do que ademais da comunidade educativa en particular tamén se beneficiarán negocios e a poboación en xeral”, sinala o alcalde reiterando o seu agradecemento aos propietarios.

Este recinto súmase a outros aparcamentos públicos froito da cesión de uso lograda polo Concello, coma o situado na rúa Cartaxena.

Cuiña avanza que a día de hoxe o goberno municipal tamén está a negociar con outros propietarios para continuar con iniciativas coma esta.