O Concello asina un convenio que permitirá zanxar definitivamente a débeda histórica con Sogama

Silleda, 3 de xaneiro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña deu a coñecer hoxe o acordo asinado en días pasados coa Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama). “Volvemos a facer historia en canto á reducción de débeda, e ademais, en tempo de crise”, comezou o rexedor.

As negociacións  levadas a  cabo polo executivo local silledense con Sogama remataron en días pasados coa sinatura dun convenio para o pago de 387.375 euros, cantidade que o Concello está obrigado a pagar segundo a sentenza dictada en marzo de 2013, correspondente aos pagos do convenio do ano 2007, así como a  facturas dos anos 2009, 2010 e 2011, ao que hai que sumar  intereses de demora.

Acordo dende o pasado 31 de decembro

O convenio establece un pago inicial de 81.261,85 euros, que xa foi abonado o pasado día 31 de decembro (e que corresponde a facturas de decembro de 2010 a mayo de 2011).

 A débeda restante (quedan ahora por pagar 356.297,12 euros) fraccionase nun total de 89 mensualidades, dende este mes ata maio de 2021, con pago de facturas vencidas cada 4 meses.

Compensación coa venda dunha parcela

Pero ademais da sinatura deste convenio, o alcalde, Manuel Cuíña e o presidente de Sogama asinaron outro acordo para a compra dunha parcela municipal que permitiría ao Concello de Silleda saldar a débeda definitivamente.

Sogama amosou o interese por mercar unha parcela de titularidade municipal de 3.195 metros cadrados, preto da planta de transferencia que posúe no polígono silledense. Con este convenio outorgase a Sogama a opción de compra sobre a parcela, cun prezo de 51.200 euros, que serán descontados pola entidade xa neste ano (co que o abono da débeda en 2014 quedaría nuns 14.000 euros).

A parcela será vendida polo Concello a Sogama unha vez que se aprobe o PXOM, por un prezo total de 255.600 euros. Segundo recolle o convenio o pago poderá realizarse compensando as cantidades que adeuda o Concello.

“A previsión que manexa este goberno é que o PXOM se aprobe definitivamente a finais deste ano, co que poderemos dar por concluída a débeda histórica con Sogama”, engadiu Cuíña durante a súa comparecencia xunto ao concelleiro de Medio Ambiente, Luis Rodríguez.

2014, ano decisivo para zanxar a débeda e carpetazo a Urbaser

“Damos outro golpe grandísimo sobre a mesa para facer fronte á debeda deste Concello. Neste ano 2014 se sae todo como esperamos, será o ano no que se poña fin á débeda con Sogama ”. Con esta operación quedaría saldada a débeda histórica que mantemos con Sogama”, engadiu o alcalde.

Ademais, Cuíña avanzou que neste mesmo mes, en concreto a vindeira semana se fará efectivo o último pago a Urbaser, outro dos acreedores da recollida de lixo, á que se lle pagaron na presente lexislatura  un total de 268.051 euros.

A débeda, coa chegada do actual goberno, no referente á recollida de lixo era de 1.173.000 euros (do que se debía a Sogama, Celta Prix e Urbaser). Agora remátase de pagar a Urbaser (a débeda arrastrábase dende o ano 2000) e tamén se abonou a contraída con Celta Prix, por un total de 467.589 euros. “Sacando esta última cantidade, que se abonou a través do plan de pago a proveedores, o resto dese máis de 1 millón de euros foi abonado con fondos municipais”, destaca Cuíña.

“No que a débeda se refire xa non existe Urbaser, nin Celta Prix, nin tampouco Hidroeléctrica … e pronto agardamos poder esquecernos de Sogama”, sinalou Cuíña agardando que “entre este ano e o 2015 poidamos zanxar a débeda histórica do Concello, co que só quedarán créditos a longo prazo e o do plan de pago a proveedores”, engadiu.

Para Cuíña esta situación é un espaldarazo á xestión do goberno local ante as novas dos últimos días por unha posible intervención do Ministerio de Facenda.

Outros tres expedientes

O rexedor e responsable municipal de Facenda tamén apuntou que o goberno está traballando na resolución doutros tres expedientes de débedas: o da empresa Espina y Delfín, Indeza, e as facturas de caixón (sen recoñecer), “milleiros delas, que son as facturas da vergoña”, engadiu.

Antecedentes no contencioso de Sogama

Tal e como se recolle na sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo Nº 1 de Pontevedra, de marzo de 2013, o contrato do Concello de Silleda con Sogama firmouse en febreiro de 1999, para o tratamento dos residuos procedentes da recollida de lixo.

En novembro de 2004, pasados xa cinco anos e sen que o Concello abonara ata entón ningunha factura, o goberno municipal, daquela co PP de Fernández Viéitez, asinou un convenio coa entidade que supoñía o pago fraccionado de 6.000 euros ao mes, para saldar os 430.000 euros pendentes daquela por impagos dende o ano 1999.

Un ano despois, o Concello volveu a deixar de pagar e Sogama iniciou un procedemento xudicial para reclamar parte de esa  débeda en maio de 2006, por importe de 75.389,43 euros.

En febreiro de 2007, renegociouse a débeda a tan só tres meses das eleccións municipais. Acordouse entón que deberían pagarse 410.000 € en mesualidades de 9.000 euros, sen nin tan sequera conseguir que  Sogama retirase a demanda anterior.

E os  xulgados comezaron a darlle a razón a Sogama por impagos continuados. Así, en setembro de 2007 unha primeira sentenza condenou ao Concello a abonar esos 75.389,43 euros máis intereses.

Na primeira lexislatura do goberno socialista de Paula Fernandez fíxose fronte a esta última sentenza, e se abonaron un total de 255.000 euros da  débeda recollida no convenio asinado   con Sogama, ademais de deixar pagado o servizo de  todo o ano 2007, 2008 e parte do 2009, do que só quedaron 4 mensualidades.

 “Cando marchamos no ano 2009 só restaban por pagar da débeda histórica 155.000 euros, pero lamentablemente o goberno dos tránsfugas co PP volveu a deixar que a débeda aumentara nos anos seguintes, ao non facer fronte nin sequera ao pago do servizo cada mes, nin aos atrasos durante os anos 2009, 2010 e o primeiro semestre de 2011, co  que voltamos a mesma situación que no ano 2007”, explica Cuíña.

En 2013 o xulgado volveu a darlle a razón á empresa, estimando unha nova demanda polos atrasos pendentes, con 387.375 euros, nos que se inclue os pagos pendentes do convenio de 2007 mais as facturas dos anos 2009,2010,e 2011 , e os intereses.