O Concello constrúe novos depósitos de auga no lugar de A Laxe, en Oleiros

 

Silleda, 3 de xullo de 2015. O Concello de Silleda iniciou esta semana as obras de construcción da caseta que albergará os depósitos veciñais  de auga do lugar de A Laxe, na parroquia de Oleiros.

Esta obra, que veñen demandando dende hai tempo os veciños residentes da localidade, iniciouse coa excavación pertinente para a realización da base e onde se asentarán as novas dotacións.

Esta nova dotación dará servizo a 12 vivendas. “ O lugar onde se atopan os depósitos actuais está moi deteriorado, por iso se fai necesario realizar esta nova construcción para que os veciños dispoñan dun lugar axeitado no que albergar esta instalación de auga potable”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Unha vez rematada a obra, os depósitos, aportados polos veciños, reubicaránse na nova caseta, “co que terán un servizo para o seu consumo en mellores condicións”, engade Cuiña.

Esta actuación súmase a outras obras realizadas nos últimos meses en distintos puntos do rural para mellorar a dotación dun servizo tan básico como a traída de augas.

Así dende o goberno local  de Silleda lémbrase que ademais de extender a rede da traída municipal a localidades próximas aos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira, “unha liña que queremos continuar con novas iniciativas”, tamén se colaborou  cos veciños na mellora de distintas conduccións.