O Concello creará un centro de interpretación da natureza en Escuadro e unha senda ata a Férveda

Silleda,  29 de xullo de 2013. O Concello de Silleda presentou ao Fondo de Compensación Ambiental, dentro da liña de axudas non competitivas, un proxecto para crear un Centro de Interpretación da Natureza na parroquia de Escuadro. Con esta iniciativa búscase a posta en valor da Fervenza da Férveda, un enclave natural e paisaxístico aínda pouco coñecido, que vén a engrosar a lista de recursos turísticos do municipio de Silleda. Ademais do centro de interpretación, que estaría no centro social da parroquia, crearíase unha senda ata a fervenza, partindo precisamente do teleclube.

A actuación ten un orzamento total de 46.886,16 euros, e financiaríase a través do Fondo de Compensación Ambiental (ao que se solicitou unha axuda de 36.375,74 euros) e con fondos municipais.

Coa creación da senda ata A Férveda recuperaríase un itinerario tradicional duns tres kilómetros de lonxitude en cada sentido que se adentra no val do río Escuadro ata as inmediacións do coto coñecido coma O Castelo, facendo referencia a construcción derruída durante as revoltas irmandiñas.

O roteiro, que remata no salto da Férveda, discorre por zonas nas que se atopa un lavadoiro dos anos 50,  e tamén un muíño tradicional, o de Varela, así como zonas con especies arbóreas autóctonas.

Para realizar esta actuación será necesario limpar e desbrozar  algún dos tramos, retirar troncos e acondicionar elementos etnográficos coma os anteriormente citados. O lavadeiro é de titularidade pública e o muiño foi cedido xa ao Concello na anterior lexislatura, durante o mandato de Paula Fernández, polos seus propietarios. Ambos elementos serán debidamente restaurados.

A ruta complementarase coa instalación de bancos, letreiros, e a correspondente sinalización.

O Centro de Interpretación da Natureza, que se situaría no centro social de Escuadro contaría con paneis informativos e outro material de divulgación que estaría alí de xeito permanente, con información sobre a Fervenza da Férveda e os outros recursos naturais, históricos e paisaxísticos espallados por todo o termo municipal.

“Agardamos poder facer ao fin realidade esta actuación, xa que a dotación de sendas ata a fervenza de Escuadro era xa unha das nosas propostas”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña,  que advirte que a proposta encaixa perfectamente na liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental, pola instalación de parques eólicos, que ten  como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do medio, e reequilibrio territorial.

Senda peonil en Cortegada

Ademais desta actuación en Escuadro, o Concello presentou ao Fondo de Compensación Ambiental, pero dentro da liña competitiva das axudas, outro proxecto para a dotación dun acceso peonil á igrexa de Cortegada.

As obras teñen un orzamento total de 39.839,64 euros, e ao abeiro do citado fondo solicítase unha axuda de 31.871,71 euros. A actuación consitiría no desmonte de parte do terraplén natural do terreo, no tramo inicial de subida, xerando un acceso peonil que se diferenciaría da zona do tránsito rodado.  Tamén se dotará a zona de un pequeño aparcadoiro retirando un muro existente que se volverá a reconstruir. Para esta dotación asinouse un convenio co Obispado de Lugo, propietario dos predios afectados, que cede os terreos para realizar as obras.