O Concello de Silleda acolleu unha reunión da Mesa de Negociación Colectiva

Silleda, 20 de maio de 2013. A Mesa de Negociación Colectiva do Concello mantivo hoxe unha reunión en Silleda na que se abordaron distintas cuestións. Á sesión asistiron en representación do goberno a alcaldesa, Paula Fernández, e o concelleiro de Personal, Manuel Cuíña, e por parte dos sindicatos asitiron representantes de CCOO e do CSIF. No estiveron presentes nin UGT nin a CIG, pese a que este último sindicato foi curiosamente o que máis nos criticou por non ter convocada a mesa.

Así mesmo, tamén asistiron, logo de ser convidados como vogais (pese a que mesa só está formada polo goberno municipal e os sindicados maioritarios a nivel autonómico), os voceiros da oposición (José Luis Espiño e Matías Rodríguez), e os delegados sindicais do Concello (con voz pero sen voto). “Convidamos tanto aos grupos da oposición coma aos reprsentantes dos traballadores municipais para que non houbese ningún tipo de duda sobre a resolución das alegacións”, sinala Paula Fernández.

A alcaldesa explicou os criterios para desenvolver o orzamento municipal en materia de Persoal para este exercicio, que se debía de rebaixar en 120.000 euros, de acordo ao Plan de Axuste imposto polo Goberno central e aprobado por unanimidade no Pleno.

A día de hoxe, segundo adiantou Paula Fernández, a partida de persoal xa baixou en 160.000 euros. “Conseguimolo sen necesidade de reducir persoal, máis aló da non renovación de contratos temporais e a non contratación de persoal de substitución para o verán, entre outros”, dí a rexedora, engadindo que coas medidas adoptadas se evita chegar a un Expediente de Regulación de Emprego.

Alegacións ao orzamento municipal

En canto ás alegacións aos presupostos, os representantes do CSIF anunciaron que retiraban a súa reclamación, logo de terse realizado a convocatoria, tal e como demandaban.Por parte do goberno municipal, á vista dos informes técnicos, propúxose admitir varias alegacións.

Así, aprobouse a alegación relativa á regulación do complemento específico da Policía Local, por unanimidade. Esta decisión afecta a dous axentes da plantilla e supón unha cantidade moi baixa.

Cos votos a favor do goberno e do sindicato CSIF acordouse regularizar a situación do Xefe da Policía Local, implementando no seu específico o complemento de xefatura de Policía. “Sorprendentemente a oposición que pediu que se regularizara esta situación no pleno hoxe abstívose”, engade a rexedora.

Aprobouse tamén outra que facía referencia á amortización de plazas vacantes, situación que non se recolle nos orzamentos (xa que siguen figurando como vacantes) e que se debeu a un erro na impresión do cadro de persoal.

Sobre a RPT

En canto ás reclamacións  referidas á Relación de Postos de Traballo, Paula Fernández explicou o estado no que se atopa o procedemento, logo de que documento se presentara aos traballadores a finais de 2011.

Así, a rexedora aclarou que algunhas das alegacións presentadas á RPT polos sindicatos no seu día, xa foron incluso informadas, pero que se paralizou o procedemento por circunstancias sobrevidas naquel entón a raíz de decisións da Administración estatal e mesmo polas propias manifestacións dos traballadores noutras reunións, advertindo de que pese a ser necesaria a RPT non é unha cuestión prioritaria.

Paula Fernández lembra que semanas despois da presentación do traballo, realizado pola firma Eosa, aprobouse o Real Decreto de medidas urxentes, no que se establece que os concellos non poden crear novos postos nin incrementar a masa salarial dos traballadores, dúas cuestións clave que impedirían levar á práctica a RPT.

A rexedora destaca que o documento vai depender da negociación colectiva, clave no proceso, e que non se pode temporalizar. “Todos somos conscientes de que no Concello é necesaria unha RPT pero as normas estatais marcan o punto de inflexión no que nos atopamos”, remarca, pese a que o estudo e relación dos postos está xa realizado.

Por todo elo, a alcaldesa chama a negociar a RPT tendo en conta todos os condicionantes de futuro. “No ano 2014 temos que chegar a un descenso máximo en materia de Persoal de 275.000 euros, polo que as medidas que se adopten a nivel laboral teñen que ir de acordo a esta rebaixa”, di.

“Non podemos pretender aprobar unha RPT con incremento salarial que logo nos obrigue a aplicar un ERE”, sentencia. Paula Fernández chamou logo á cordura nas negociacións para que “ningúen lance foguetes de artificio coas políticas de Persoal”.

Mentres, recrimina a Rodríguez Da Torre a súa intervención neste senso, xa que defende a RPT como único instrumento de negociación mentindo descaradamente sobre a mesma ao chegar a afirmar que os traballadores non coñecen o documento, cando houbo incluso alegacións e el mesmo estivo presente na presentación do documento