O Concello de Silleda acomete a reparación urxente no auditorio da Bandeira, ante as reiteradas filtracións de auga

Silleda, 12 de febreiro de 2014. Os operaios municipais do departamento de Servizos, que dirixe Klaus Brey, están a traballar intensamente na reparación dos graves desperfectos que sofren as instalacións do auditorio Manuel Dopazo da Bandeira. Dende hai anos este edificio vén sufrindo graves problemas por mor das filtracións de auga que se producen en época de fortes choivas, como a que se está a rexistrar dende hai varias semanas.

Así, e para atallar estes problemas, dende o Concello optouse por realizar un pozo de agua, con máis profundidade que o edificio, dotándoo de unha bomba de achique para dar saída despois a toda a auga acumulada.

“O auditorio vense inundando nos últimos anos, polo que cremo que é preciso tentar de solventar dunha vez por todas este problema, xa que a auga causa importantes danos, sobre todo no patio de butacas”, explica Klaus Brey, que hoxe se achegou ata estas instalacións para supervisar a marcha das obras.

Os traballos estanse realizando de forma intensa, xa que o vindeiro domingo   está previsto a realización dun concerto no auditorio da Bandeira “e porque se trata dunhas instalacións polas que pasan numerosos usuarios, caso do alumnado da escola de música, e non poden seguir deteriorándose deste xeito”, engade o concelleiro.

Reposición de tarima

Ademais das obras no exterior do edificio, na zona do acceso ás oficinas, tamén se están a realizar outras reparacións no interior do inmoble. Así, no patio de butacas colocouse un cañon de calor e un deshumidificador industrial para tratar de secar e paliar os efectos das filtracións e humidades, que provocaron importantes danos no piso.

Así, foi preciso levantar parte da tarima de madeira nos primeiros tramos do patio (entre o escenario e as butacas), que será reposta á maior brevidade posible.

“Estase traballando cun ritmo intenso para que todas as deficiencias queden subsanadas antes da fin de semana”, sinala o concelleiro sobre esta obra “urxente e necesaria”.