O Concello de Silleda colocará colectores solares para auga quente nos campos de fútbol de Lamela e Laro

Silleda, 9 de agosto de 2017.  O Concello de Silleda continúa apostando polas enerxías renovables. Así nos vindeiros meses procederá á colocación de colectores solares para quentamento de Auga Quente Sanitaria (AQS) nos campos de fútbol de Mularedos (Lamela) e Agronovo (Laro).

Este proxecto, cunha inversión de máis de 9.000 euros en cada un dos campos, contará coa subvención do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Así o reflexa hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución deste organismo autonómico pola que se conceden, en réxime de concorrencia competitiva as subvencións a proxectos para a creación, mellora e amplicación de pequeñas infraestruturas para proxectos de enerxías renovables, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Na resolución o Concello de Silleda figura como unha das Administracións beneficiarias con senllas axudas de 6.832,86 euros.

“Con estas actuacións, ademais de seguir apostando polas enerxías limpas melloraremos notablemente estas dúas instalacións deportivas”, indica o alcalde Manuel Cuiña.

Nos últimos anos o Concello de Silleda dotou de caldeiras de biomasa distintos edificios públicos, así como placas fotovoltáicas en puntos coma o Parque Empresarial Área 33. Así mesmo, o Concello de Silleda concorreu á liña de subvencións para crear unha rede de calor na zona deportiva de Silleda, cun ambicioso proxecto de enerxía térmica con equipos de xeración de biomasa. Tratarías de crear un rede de calor "District Heating" no entorno da zona deportiva da vila de Silleda, coa que subministrar calefacción e auga quente sanitaria a varios edificios.