O Concello de Silleda convida aos comercios e centros educativos a difundir a obra de Rosalía de Castro

Silleda, 30 de xaneiro de 2017.  O Concello de Silleda volve conmemorar este ano o Día de Rosalía coa posta en marcha de iniciativa para continuar achegando  a figura e a obra da autora de Follas Novas ao público. Así, e con motivo da conmemoración o vindeiro día 24 de febreiro do 180 aniversario do nacemento da escritora levaránse a cabo dúas actividades coordinadas dende o departamento de Cultura.

Así, ademais de continuar coa exposición da obra rosaliana nos edificios públicos do municipio, -logo da boa acollida de anos anteriores- proponse unha nova actividade que baixo o nome de “Poemas na rúa” busca implicar tanto á comunidade educativa coma ao tecido empresarial e comercial de Silleda.

Esta iniciativa xa foi informada en días pasados aos centros educativos e comercios do municipio aos que se convidou a participar. Proponse que cada centro elixa 10 poemas representativos de Rosalía. Con eles, o Concello de Silleda editará cartaces conmemorativos  que se ofertan aos comercios para a súa exposición ao público nos seus locais e vidrieiras durante a semana do 20 ao 26 de febreiro, ademais de distribuirse nos centros de ensino. Dende o ano 2012 o Concello de Silleda vén celebrando o Día de Rosalía de Castro, que se conmemora cada 24 de febreiro, no aniversario do seu nacemento.