O Concello de Silleda e Espina y Delfín asinan o documento final de transmisión do servizo de abastecemento de augas

Silleda, 27 de decembro de 2016.  O Concello de Silleda asinou hoxe coa empresa Espina y Delfín o documento final da transmisión do servizo de abastecemento de auga, que dende o vindeiro día 1 de xaneiro pasará a ser municipal. O alcalde, Manuel Cuiña, e o secretario xeral do Concello, Manuel Quintáns, rubricaron o acordo co apoderado de Espina, Amador Mosquera e o director do servizo de augas da entidade, Juan J. Somoza.

Con este acordo contretouse tamén o número de traballadores da empresa que subrogará o Concello de Silleda. Finalmente serán 5 os traballadores/as que dende o vindeiro día 1 de xaneiro pasarán a formar parte da plantilla municipal de Silleda.

 Así mesmo, no encontro de hoxe abordáronse outros aspectos económicos derivados do acordo plenario do pasado 29 de agosto, polo que se pechaba a histórica deuda con Espina y Delfín, que tiña a concesión do abastecemento dende o ano 1996.

“Con este documento que asinamos hoxe queda pechado non só a transmisión do servizo ao Concello senon que tamén se cerra o longo capítulo de débedas que se viñan arrastrando dende hai anos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña que resalta o clima de “cordialidade e entendemento” entre o Concello e a empresa, á que agradece a súa disposición.

Atención ao público nas oficinas da  rúa Alfonso Trabazo

Por outra banda, dende o Concello de Silleda infórmase ao público que para a xestión de altas e baixas no servizo os usuarios deberán de dirixirse a partir do vindeiro 1 de xaneiro ás oficinas municipais sitas na rúa Alfonso Trabazo número 3, en horario de 09:00 a 14:00 horas.