O Concello de Silleda instalará 10 puntos biosaudables en parladoiros en parroquias do rural

Silleda, 9 de agosto de 2014. O Concello de Silleda vén de aprobar un proxecto para dinamizar o rural do municipio, coa instalación dunha serie de espazos nos que se conxugue a actividade física co descanso e a socialización.

Este proxecto  contempla a dotación combinada de elementos biosaudables cos chamados parladoiros, zonas de recreo dispostas con asentos onde poder descansar e falar. “Ademais de dinamizar as nosas parroquias, búscase favorecer as relacións interpersoais en zonas con poboación dispersa, ademais de fomentar a práctica de exercicio para os maiores”, indica o alcalde, Manuel Cuíña.

Contemplase a dotación dun total de 10  parladoiros con exercicios biosaudables. Cada un deles constaría, segundo o proxecto, de dúas sillas, un banco e cadansúa placa identificativa, ademais de tres elementos para realizar exercicios biosaudables.

O orzamento total da actuación que se pretende levar a cabo ascende a 51.451,51 euros (sen IVE). O proxecto foi presentado, a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras do Deza,  ás axudas do Plan Leader, a fin de contar con subvención para poñer en marcha esta iniciativa, dentro dos programas destinados á diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida.

A actuación realizarase en dúas fases, dentro desta anualidade e a través dunha segunda en 2015. O importe da axuda ascende ao 50% (25.725, 76 euros) aportando a cantidade restante o Concello de Silleda.

A Xunta de Goberno Local, logo de recibir a resolución favorable do GDR, aprobou os pregos para contratar este suministro e acordou solicitar ofertas a varias empresas.

“Nos vindeiros meses colocaranse os primeiros puntos en varias zonas do rural, continuando as dotacións o próximo ano. Deste xeito damos tamén resposta a unha das actuacións que figuraba no noso programa de goberno como formula de dinamización e punto de encontro dos veciños e vecñas das parroquias”, engade o alcalde.