O Concello de Silleda investirá máis de 500.000 na mellora de pistas do rural

Este novo plan, que se prevé executar no primeiro trimestre do ano,  inclue a reforma integral da estrada Piñeiro-Cira, unha das grandes demandas dos últimos anos. Actuarase tamén sobre viais de Escuadro, Rellas, Negreiros, Laro, Cortegada, e no núcleo de Toxa, en Silleda

Silleda,  1 de decembro de 2018.  O Concello de Silleda acometerá nos vindeiros meses un plan de mellora na rede viaria do rural que suporá unha inversión de máis de 500.000 euros. O proxecto acometerase con cargo aos fondos que lle corresponden a Silleda dentro do Plan Concellos 2019.  As previsións pasan por ter as obras en marcha no primeiro trimestre do ano.

Encabeza  o listado de actuacións unha das grandes demandas dos últimos anos, a estrada que vai dende Piñeiro a Cira, na que se realizará unha reforma integral reforzando tamén  a seguridade deste vial que conecta estradas provinciais: a que vai dende Balboa a Ponteledesma e a que discorre pola parroquia de Piñeiro.

A inversión do Concello de Silleda neste vial será de case 290.000 euros en total. Ademais dunha nova capa de rodadura tamén se procederá ao pintado desta estrada e á colocación de bandas laterais nas curvas con máis desnivel. O proxecto inclue a construcción dun muro de contención nun dos tramos da estrada.

“A mellora da estrada de Cira, que ademais de comunicar esta parroquia co municipio nos une cos concellos veciños de Boqueixón e Vila de Cruces, era unha das actuacións máis esperadas e necesarias, polo tráfico que soporta esta estrada, -que pese a ser municipal ten todas as condicións para ser un viario supramunicipal-, e pola falla de seguridade nalgún punto”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Na parroquia de Escuadro tamén se acondidionará o tramo de Penadauga, con máis de 20.000 euros, e a pista de acceso ao lugar de Férveda. Outro

dos viais a mellorar nesta zona será a da pista do Rañadoiro, que une a parroquia de Escuadro ca de Rellas.

En Negreiros o proxecto contempa a mellora no lugar de O Campo, mellorando outro dos tramos que se atopan en mal estado.

En Laro acondicionarase o vial que via dende a rotonda de Freixeiro ata o lugar de Galán e en Cortegada levarase a cabo a mellora da pista de Framiñán, dende a igrexa (onde xa se realizou unha mellora do entorno) en adiante.

O lugar de Toxa, pertencente á parroquia de Silleda é outro dos núcleos que se mellorarán con este plan de actuación, acondicionando a pista que vertebra esta localidade.

“Esta será unha das actuacións máis ambiciosas dos últimos anos. Sabemos que hai outras moitas pistas que tamén necesitan reparacións, pero temos unha das redes viarias municipais máis extensas, cuns 1.000 kilómetros de pistas, e trataremos de ir realizando actuacións en todas as parroquias na medida do posible”, indica Manuel Cuiña, que lembra que nesta lexislatura o goberno municipal realizou una aposta forte pola mellora varia “con varias actuacións en aglomerado en quente e reformas máis amplas e ambiciosas”, engade.

A día de hoxe tamén se está a executar xa a  mellora de viais en Parada en Laro, no que se arranxarán tamén tramos vertebradores e con alta densidade de tránsito, con case 80.000 euros de inversión.