O Concello de Silleda licita o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

Silleda, 20 de febreiro de 2018.  O Concello de Silleda saca a licitación de novo o Servizo de Axuda no Fogar. Nos vindeiro días publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra  o anuncio de licitación, co que se abrirá o prazo para que as empresas do sector presenten as súas ofertas.

No pleno de novembro de 2017 acordouse sacar a concurso este servizo, unha vez transcorridos os dous anos de contrato da actual concesionaria e toda vez que se optou por non prorrogalo. Na sesión plenaria do pasado mes de xaneiro desestimouse o recurso interposto pola concesionaria actual, polo que o proceso se pon agora en marcha.

O prazo de duración do contrato será tamén de dous anos, prorrogable por outros dous. Distínguense, de acordo aos pregos aprobados no seu día, dous tipos de servizo, un ordinario, que corresponde ás horas realizadas os días laborables e sábados pola mañá, cun prezo de licitación de 11,70 euros por hora (sen IVE) e outro extraordinario, para os sábados pola tarde, domingos e festivos, con 13,70 euros por hora (tamén sen IVE).

O proceso levarase a cabo por procedemento aberto e as firmas aspirantes disporán dun prazo de 26 días naturais para presentar as súas propostas contados a partir do día seguinte á publicación no BOP.

A día de hoxe o Concello de Silleda conta con 69 usuarios/as deste servizo, nas modalidades de prestación básica e dependencia.

“Con esta licitación pretendemos seguir mellorando na prestación dun servizo básico coma este no ámbito do benestar dos nosos veciños e veciñas”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.