O Concello de Silleda outorga unha nova axuda a través do Plan de Axuda á creación de Emprego

Silleda, 2 de agosto de 2017.  A Xunta de Goberno Local vén de aprobar unha nova subvención ao abeiro do Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego. A beneficiaria é  Maricarmen Fernández Dámaseo que poñerá en marcha un negocio de textil, un comercio especializado en moda infantil, que percibirá unha axuda de 1.200 euros.

Tal e como figura nas bases a beneficiencia percibirá agora o 75% da subvención e o 25% restante aos seis meses da apertura do establecemento.

Esta subvención é a terceira que se outorga no ano 2017 a través deste programa, que se iniciou no ano 2015 como unha das grandes apostas do goberno municipal de Silleda para fomentar a creación de emprego. “Calquera silledense que esté en situación de desemprego e queira emprender un negocio en Silleda conta con estas axudas a fondo perdido, sempre que cumpla as condicións establecidas nas bases”, lembra a concelleira de Emprego, Ana Luisa González Costa.

Dende mediados do 2015 outorgáronse xa un total de 11 axudas municipais para a posta en marcha de distintas iniciativas emprendedoras, con cantidades a fondo perdido que varian en función da puntuación obtida. A subvención máxima outorgable é de 3.300 euros. “Estamos moi satisfeitos con este programa”, remarca a concelleira Ana Luisa González Costa que explica que das peticións realizadas só se rechazaron dúas por non cumprir cos requisitos recollidos nas bases reguladoras.

As axudas outorgadas poden consultarse na páxina web municipal (www.silleda.gal) ao igual que as bases. Ademais tamén se poden descargar os anexos para realizar as solicitudes.