O Concello de Silleda pecha o ano 2015 cun remanente de tesourería de 389.748 euros

Silleda, 23 de setembro de 2016.  O goberno silledense leva ao pleno ordinario do vindeiro xoves día 29 (ás 10:00 horas) a aprobación  definitiva da Conta Xeral de 2015, documento que resume dende o punto de vista económico e patrimonial a liquidación do orzamento municipal.

Entre os parámetros máis destacados figuran o resultado orzamentario do exercicio que ascende á cantidade de 188.069,38 euros, así coma o remanente de tesourería, que un ano máis volve reflexar un resultado en positivo.

“Volvemos a demostrar un ano máis que é posible encauzar as contas deste Concello”, apunta o alcalde e responsable de Facenda, Manuel Cuíña, lembrando que os resultados económicos “seguen a mellorar con cada exercicio demostrando que se está a facer unha boa xestión”, engade.

O remanente de tesourería  unha magnitude que mide a solvencia económica do Concello respeto a anos anteriores, reflexa un resultado positivo de 389.748 euros, “cifras que están moi lonxe dos números en negativo que se atopou este goberno cando chegamos ao Concello”, explica o alcalde.

Os resultados son aínda máis reveladores se se atende á evolución do remanente de tesourería durante os últimos 4 anos. Así, dos números en negativo de 2012 (-635.513,47 euros) e 2013, con -396.327,10, “nun exercicio cun tremendo esforzo para reducir á metade esta cantidade”- este indicador foi mellorando considerablemente ata situarse en 196.11,66 euros en 2014 e os 389.748,66 euros.

“A contención de gasto e as políticas de aforro seguen a dar os seus froitos, tal e como se ve na Conta Xeral”, engade o rexedor.

A Conta Xeral de 2015 foi dictaminada pola Comisión Especial de Contas o pasado mes de maio, quedando exposta ao público. Na sesión do xoves aprobarase definitivamente o documento.

A orde do día do pleno inclúe tamén a ratificación da resolución da Alcaldía da proposta ao Consello de Ministros da pregunta da consulta popular sobre o traslado da Casa Consistorial, así coma a dación de conta da última sentenza sobre o vertedoiro de escombros de Campomarzo, e unha permuta de parcela na zona de concentración parcelaria de Laro-Parada.