O Concello de Silleda pide axuda aos alumnos do Ciclo de Comercio do Instituto Pintor Colmeiro para a elaboaración dun estudio de mercado

– O obxectivo é buscar solucións ós puntos débiles do comercio da vila

A Concelleira de Comercio do Concello de Silleda, Ana Luísa González Costa, ven de ter unha primeira reunión con mestres e alumnos do ciclo de comercio do instituto Pintor Colmeiro, co fin de elaborar as bases de colaboración para a realización dun estudio de mercado do comercio do concello.

A iniciativa, nace co obxectivo de coñecer as necesidades do mercado, isto é, analizar qué queren os que compran, e qué ofrecen os que venden, co fin de detectar as carencias a mellorar, para así intentar poñer remedio, promovendo por parte do concello, cursos especializados, charlas informativas, etc.

Un equipo de alumnos do ciclo de comercio disporá de dous meses para elaborar unhas enquisas, dirixidas tanto a clientes coma a comerciantes que, unha vez realizadas e analizadas, reflexarán o diagnóstico do mercado.

O equipo de alumnos que colabore neste proxecto, verase premiado economicamente ó final do mesmo.

“Consideramos que é un estudio que beneficia a tódalas partes. Para o comercio representará unha instantánea sobre a situación e as necesidades dos potenciais clientes, e para os alumnos é unha maneira de poñer en práctica o aprendido no ciclo de formación”- indica a concelleira, Ana Luísa González Costa.

Esta medida, que ven a complementar a outras postas en marcha recentemente polo goberno, como pode ser o Plan Municipal de Creación de Emprego, pretende dinamizar a actividade comercial, e o fomento do emprego.