O Concello de Silleda pide explicacións a Interior polos criterios da orde que regula as axudas por danos dos temporais

Silleda, 5 de maio de 2014. O Concello de Silleda vén de solicitar explicacións ao goberno Central sobre os criterios seguidos para seleccionar aos municipios que se beneficiarán das axudas para reparar os danos causados polos temporais de xaneiro e febreiro.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) do pasado xoves día 1 de maio recolle a Orde que desenvolve o Real Decreto Lei 2/20114 do pasado 21 de febreiro, pola que se adoptan medidas urxentes para reparar os danos causados polos temporais.  A orde, que xa está en vigor, recolle dous anexos nos que figuran os municipios das diferentes comunidades autónomas nos que se aplicará a orde.

No caso de Galicia figuran, como era de esperar, municipios da zona da Costa, onde os temporais golpearon con forza, pero tamén outros do interior, caso de municipios da provincia de Ourense. O alcalde, Manuel Cuíña, lembra que ademais do informe sobre danos en bens municipais (cuantificados en máis de 500.000 euros) houbo varios veciños e veciñas de Silleda que se acolleron á citada orde para optar ás axudas.

“Agora, e pese a coñecer que sí estabamos incluídos nos primeiros borradores da normativa, non figuramos na lista de municipios beneficiarios”, lamenta Cuíña. Dende o Concello, ademais de contactar coa Delegación do Goberno en Galicia, a onde se remitiu o informe de danos en bens e inmobles municipais, tamén se remitiu a consulta sobre os criterios ao Ministerio do Interior.

“Agardamos ter un resposta o antes posible”, indica o rexedor, que advirte que de non poder contar con axudas de outras Administracións para acometer as reparacións en viais e outras instalacións, “teremos que facer un esforzo titánico para sufragar os graves danos causados”, engade.

Responsabilidade do PP

Cuiña fai responsable ademais da situación ao  Partido Popular de Silleda que non apoiou no último pleno a solicitude de axudas para reparar os danos do temporal, “alegando que tiñan dúbidas de que os danos recollidos no informe municipal, foran causados polas inclemencias meteorolóxicas, algo escandaloso”, sinala o alcalde.

O rexedor silledense pregúntase, á vista desta Orde “se o PP de Silleda non mandaría un recado ao Ministerio”. “Parece mentira que se atreveran a absterse no pleno nun tema coma este. Agora deberían de asumir responsabilidades e dar a cara. Que vaian polas parroquias explicándolle aos veciños porqué non se arreglarán as pistas afectadas, porqué non apoiaron a reparación da carpa da petanca da Bandeira, dos pavillóns polideportivos da Bandeira e Silleda, o auditorio Manuel Dopazo… Que o expliquen”, reitera Cuíña.

O alcalde considera ademais que os populares “deben de dar a cara, e explicar públicamente porqué decidiron absterse”.