O Concello de Silleda pinta os pasos de peóns con frases para sensibilizar sobre a violencia de xénero

Silleda, 21 de novembro de 2017.  O Concello de Silleda procedeu hoxe ao pintado de mensaxes contra a violencia machista nos pasos de peóns. Estas frases, ás que acompaña o logo “Silleda, en negro” (no marco da campaña #Ennegrocontraasviolencia ) estamparánse en 8 pasos: 4 na vila de Silleda e outros tantos na da Bandeira.

Amedes a quen amedes. Silleda polos dereitos LGTBI; Son libre de decidir sobre a miña vida; Non es o meu dono. Non son o teu dono; Non son un príncipe azul; #Nin unha menos; Sempre libre e viva; Si é sí..Non é non; Non por ser muller, sí por ser persoa.  Estes son os lemas que rezan a partir de hoxe a pé de rúa “para concienciar e sensibilizar á poboación sobre esta lacra na qué é preciso que nos impliquemos todos e todas”, indica a concelleira de Igualdade, Pili Peón.

Silleda comeza ademais hoxe o programa “Xénero e vulnerabilidade”, posto en marcha co apoio da Deputación de Pontevedra coa conferencia de Rosa María Calaf  baixo o título “Violencia y misoginia: ayer y hoy. La representación de las mujeres en el discurso mediático”, que impartirá ás 17:00 horas na Casa da Xuventude a coñecida xornalista, investigadora e experta en. A corresponsal máis veterana de TVE, con 37 anos de experiencia as súas costas, foi pioneira en España no exercicio do reporteirismo.

Ademais da conferencia de Rosa María Calaf, o vindeiro venres día 24 terá lugar a concentración de condea contra a violencia de xénero na praza da Igrexa de Silleda (12:30), un acto no que dende a Concellería de Igualdade  de Silleda se entregarán tamén aos centros escolares lotes de libros que afrontan a problemática da desigualdade por razón de xénero e a violencia machista.

En negro contra as violencias

Por outra banda o Concello de Silleda segue a participar na campaña En negro contra as violencias, á que se sumaron xa 80 establecementos e entidades do municipio para sensibilizar –a través da cor negra- sobre a problemática da violencia de xénero na nosa sociedade.