O Concello de Silleda pon en marcha a primeira fase de recollida de plásticos deste ano

Silleda, 6 de abril de 2017. O Concello de Silleda pon en marcha un ano máis a campaña de recollida de plásticos agrícolas e de invernadoiro, en colaboración coa entidade  “Solucións Integrais para o Medio Ambiente”, SIMA, S.L. que realizará o servizo.

O Concello de Silleda, a través das  Concellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, dirixidas por Klaus Brey e Jesús Taboada respectivamente, inicia neste mes a que será a primeira  fase do ano do programa de Recollida de Primavera de Plásticos Agrícolas de Silos e Invernadoiros.

Así, os veciños e veciñas poderán chamar ata o vindeiro venres día 21 de abril para dar os correspondentes avisos, aos números 986 581028 e 986180245, en horario de 08.00 a 15.00 horas, indicando nome, apelidos, teléfono e ubicación dos plásticos. Unha vez ordenada a relación de solicitudes, programarase o calendario de recollida por zonas, informando en cada parroquia dos días en que pasará  o camión do servizo. Dende o departamento de Medio Ambiente, advírtese aos usuarios da importancia de dar os avisos dentro do prazo establecido, ata o día21, para programar a recollida, avisando de que calquera petición ou chamada posterior non será tida en conta.

A campaña inclúe, un ano máis,  o envío de folletos informativos sobre esta campaña aos domicilios, nos que tamén se informa dos horarios e residuos que se admiten no Punto Limpo, un servizo totalmente gratuito a disposición do público todos os mércores e sábados en horario de 09:00 a 14:00 horas.

Unha vez que se recollan todos os avisos, ao igual que en anos anteriores establecerase un calendario de recollida por zonas, avisando telefónicamente aos usuarios que estén anotados.

 Os agricultores e gandeiros deberán de dobrar e empacar os plásticos da mellor forma posible. Ademais, os plásticos deberán de ter ademais a menor sucidade posible, e evitar conter outras materias impropias que dificulten os traballos de reciclaxe.

122.000 kilogramos en 2016

No pasado ano 2016 recolléronse no municipio de Silleda nas dúas campañas realizadas un total de 122.000 kilogramos, tras recibir un total de 192 avisos en total. “Son datos moi alentadores porque cada ano segue a aumentar o número de plásticos recollidos, o que da conta do compromiso dos nosos veciños á hora de facer unha reciclaxe axeitada deste tipo de residuos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.