O Concello de Silleda prevé organizar máis certames de escaparates para distintas campañas durante o ano

Silleda, 28 de decembro de 2015. Hoxe tivo lugar no salón de plenos de Silleda a entrega de premios do XVI Concurso de Escaparates Nadal en Galego, organizado polo Concello de Silleda coa colaboración de distintas entidades.

O alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Comercio, Ana Luisa González Costa presidiron o acto, ao que tamén asistiron representantes dalgunhas das firmas colaboradoras e membros do xurado, integrado por alumnas do Ciclo de comercio e Marketing do IES Pintor Colmeiro.

Nesta décimo sexta edición do certame o primeiro premio, outorgado polo Concello de Silleda, foi para para Floristería Carmiña. Está dotado con 200 euros e diploma e acceso ao Circuíto Spa e envoltura corporal de temporada para dúas persoas  , xentileza do Hotel Vía Argentum  de Silleda;

 O segundo premio, ao escaparate máis orixinal e innovador recaeu en Sistemas Integrales e Obras, e conta con 150 euros e diploma, (premio outorgado por Espina y Delfín) , e acceso ao Circuíto Spa do Hotel  Vía Argentum e unha merenda para dúas persoas por xentileza do citado hotel

O premio ao escaparate máis comercial con exposición do produto, dotado con  dotado con 100 euros en vales de compra, outorgado por ECOS, e tamén cun acceso ao Circuito Spa para dúas persoas por xentileza de Vía Argentum é para Carmiña Moda. As representantes dos tres establecementos recolleron hoxe os respectivos galardóns.

Por outra banda, o xurado tamén decidiu outorgar nesta edición tres mencións especiais á orixinalidade:  para Óptica Titanium, Floristería Marbelis e Bastián e Filloy.  Os tres, ademais de cadanseu diploma, serán agasallados por xentileza de Vía Argentum con invitacións para merendas.

Durante o acto de entrega o alcalde, Manuel Cuiña, destacou a calidade das creacións dos comercios, “con unha iniciativa que é xa un clásico no Nadal e que contribúe a mellorar a imaxe do pobo durante estas datas”, dixo.

Cuiña agradeceu a colabroación das empresas e entidades patrocinadoras, así coma dos membros do xurado, que tamén recibiron hoxe un diploma de participación.

Pola súa banda, a concelleira de Comercio Ana Luisa González Costa anunciou que dende o departamento municipal se apostará por facer máis certames de escaparatismo para dinamizar outras campañas comerciais ao longo do ano. “Queremos, en colaboración co ciclo de Comercio do IES Pintor Colmeiro, fomentar a creación de escaparates coincidindo con distintas campañas comerciais”, engadiu.