O Concello de Silleda recepcionou hoxe a EDAR de Bandeira

Silleda, 19 de xuño de 2013. O Concello de Silleda recepcionou hoxe a EDAR de Bandeira, unha infraestrutura que comezou a construirse no ano 2008 e que da servizo a unha poboación de 2.000 habitantes. “Por fin recibimos esta depuradora logo de moitos avatares”, indicou a alcaldesa, Paula Fernández Pena, que amosou a súa gratitude ás Administracións pola consecución da obra con case 2,2 millóns de euros de inversión. A o acto asistiu tamén o delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, así como responsables da empresa , que fixo as obras e se encargou do mantemento das instalacións ata agora.

 “Era unha necesidade palpable nesta zona”, sinalou Paula Fernández, quen lanzou unha mensaxe ao delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, durante a visita as instalacións. “Precisamos máis inversión para incorporar novas parroquias e así poder cumplir coa directiva da Unión Europea nesta materia”, engadiu.

A día de hoxe están conectadas á depuradora as poboacións de Bandeira, unha zona de Manduas, e a metade de Chapa, e a previsións pasan por incorporar máis parroquias do entorno da depuradora, situada na parroquia de Lamela. A cesión chega logo de 30 meses da posta en funcionamento da EDAR, por parte da empresa Civis Global S.l. , adxudicataria das obras.

O delegado da Xunta destacou a inversión realizada nas instalacións, con case 9 kilómetros de tuberías e adiantou que a Administración autonómica seguirá potenciando máis servizos no rural.

Cores Tourís tamén se desprazou ata Manduas para visitar as obras das sendas, un proxecto de 550.000 euros que inclúe tamén o asfaltado dun tramo do vial Bandeira-Cruces. “Era unha obra moi necesaria”, dixo o delegado agradecendo a colaboración prestada polo goberno municipal. Durante a visita o concelleiro Manuel Cuíña advertiu da necesidade de contemplar os accesos a vivendas situadas na marxe onde se están a construir as sendas.