O Concello de Silleda reciba unha axuda de 30.651 euros para a renovación do alumeado no campo de fútbol de Lamela

Silleda, 25 de abril de 2019.  O Concello de Silleda continuará  mellorando as instalacións deportivas no municipio. Así, nos vindeiros meses procederase á instalar un novo sistema de iluminación no campo de futbol de Mularedos, en Lamela.

Dende o Concello concorreuse ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental –neste caso na liña non competitiva- para renovar o alumeado, confirmándose hoxe dende a Administración Autonómica a subvención por importe de 30.651,38 euros. A inversión no campo de fútbol de Lamela será de 48.397,98 euros, completándose o resto coa aportación municipal.

O Fondo de Compensación Ambiental que ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do medio, e reequilibrio territorial, compensando a Silleda por contar con instalacións eólicas.

No caso do campo de fútbol de Lamela, o sistema actual, con moitos anos de antigüidade, conta cun grao lumínico deficiente que afecta ao correcto desenvolvemento de adestramentos e competición. A día de hoxe están instaladas 6 torres de 9 metros de altura . Co proxecto proposto, na liña non competitiva das axudas, búscase mellorar tamén a eficiencia enerxética da instalación, optando por luminarias LED a instalar en 4 torres cunha altura de 16 metros, repartidas de xeito uniforme ao longo do campo.

Campo de Laro

Dende o Concello tamén se presentou ás axudas do citado fondo (na liña competitiva) outro proxecto para renovar a iluminación no campo de Agronovo, en Laro tamén con numerosas deficiencias que afectan ao traballo do clube local. O campo ten na actualidade 6 torres de iluminación, que co proxecto de mellora se ampliarán a dúas torretas máis, utilizando como no outro caso luminarias LED. O proxecto de Laro opta á liña non competitiva das subvencións, cun orzamento previsto para esta actuación de 40.000 euros.

Nestes dous recintos o Concello de Silleda tamén colocou no seu día colectores solares para mellorar o sistema de auga quente .

Con estas dotacións o Concello de Silleda continúa apostando pola mellora de recintos deportivos e pola eficiencia enerxética, seguindo actuacións de renovación nas luminarias, como xa se ten levado a cabo tamén en distintos puntos do municipio, nalgún caso a través dos fondos de compensación ambiental que lle corresponden ao municipio de Silleda.