O Concello de Silleda recibe unha nova axuda do Inega para a instalación de paneis fotovoltaicos na central da Rede de Calor

Silleda, 2 de outubro de 2019. O Concello de Silleda resultou ser un dos municipios beneficiario no procedemento de concesión de axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica impulsado polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

O proxecto subvencionado consiste na colocación de 40 paneis fotovoltaicos cunha potencia total de 11 kWp sobre a cuberta da nave da Rede de Calor con Biomasa, ubicada na parcela adquirida polo Concello de Silleda hai agora dous anos.

O custe elixible da operación ascende a 12.653,60 € e está financiada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía

Este proxecto está vinculado á adhesión do Concello de Silleda ó Pacto dos Alcaldes para o clima e a enerxía mediante a creación de plans de acción en favor da enerxía sustentable e o aumento de resiliencia fronte ó cambio climático.

O obxectivo principal da actuación é reducir as emisións de CO2, estimando que coa nova instalación se deixarán de emitir á atmosfera unhas 3,83 toneladas de CO2 ó ano. Así mesmo tamén se reducirá o gasto económico en termos de factura eléctrica.

“Con esta actuación continuamos ca nosa aposta polas enerxías renovables, o aforro enerxético e o consecuente coidado do medio ambiente”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que o Concello de Silleda foi un dos primeiros en sumarse ao citado Pacto para o clima e a enerxía.

A instalación dos paneis realizarase ademais na Central de Producción da Rede de Calor que hai agora un ano, en outubro de 2018, comezou a abastecer de calefacción e auga quente a instalacións coma a Escola Infantil A Galiña Azul, o campo de fútbol de Outeiriño, pavillón municipal César Fares, e tamén ao Hotel Vía Argentum, conectándose despois a Residencia e Centro de día De Maiores. A Rede de Calor de Silleda, que ten previsto continuar nunha segunda fase extendendo a rede ata a rúa Progreso, é a primeira de carácter público-privado de Galicia, cunha inversión de máis de 800.000 euros.

A aposta polo alumeado público en LED, ou en instalacións coma o pavillón César Fares –onde se renovaron as luminarias a través do Plan Concellos da Deputación-, súmase a outras actuacións levadas a cabo nos últimos anos, apostando pola enerxía solar ou a biomasa nos centros públicos, entre outros.