O Concello de Silleda remite a Medio Ambiente un informe coas necesidades para a restauración e limpeza do sendeiro do Deza

 

Silleda, 22 de agosto de 2013. O Concello de Silleda, a través do departamento de Medio Ambiente, que asumirá Luis Rodríguez, vén de remitir á Dirección Xeral de Conservación da Natureza un completo informe coas deficiencias do Sendeiro do Deza. Este roteiro, que discorre entre os dous emblemas turísticos do municipio silledense, o Mosteiro de Carboeiro e a Fervenza do Roxa, foi promovido e subvencionado no seu día pola Xunta de Galicia, coa correspondente homologación, e corresponde a Administración autonómica o seu mantemento.

No escrito que acompaña o informe, para solicitar a intervención da Administración Autonómica neste enclave, lémbrase que o sendeiro é ademais de un Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) do Sistema Fluvial Ulla Deza, en plena Rede Natura, un dos puntos con maior afluenza de visitantes da comarca do Deza.

Dende a súa creación, hai xa máis dunha década, o sendeiro sufriu desperfectos e incidentes de todo tipo que afectaron á sinalización do mesmo, ou ás vallas de protección do territorio (que se atopan rotas e caídas).

O goberno municipal silledense ten constancia do interese do organismo autonómico por acometer a mellora e limpeza do sendeiro, por iso agora se remite este informe reiterando a necesidade de actuar coa maior urxencia posible. Así mesmo, dende o executivo local lémbrase que se trata dun percorrido intermunicipal (tamén discorre por Vila de Cruces).

Pese a traballos puntuais de limpeza e mellora feitos dende os dous Concellos, solicítase a participación da Xunta para realizar unha posta a punto integral da ruta, algo que implica un maior esforzo. Trátase dunha actuación moi necesaria que contribuirá á posta en valor e a dinamización turística da zona.

Entre as actuacións urxentes que se citan no informe elaborado polo departamento de Medio Ambiente figura a reparación dun tramo con socavóns producidos polo paso de vehículos e acumulación de auga, a colocación de nova sinalización e de paneis informativos, ou o saneamento e taponado de grandes baches na pista que da acceso aos miradoiros, ao chegar ao lugar de Quintá.

Así mesmo, solicítase o arranxo da escaleira que salva o desnivel entre a Fervenza e a Ponte de Ferro, a reposición de cancelas , ou a canalización de augas en varios puntos. Preocupa tamén a situación de inseguridade que presentan as vallas rotas, en moitos casos pola caída de árbores. Tamén se solicitan tarefas de desbroce e limpeza (retirando nalgún caso, xestas, polas e árbores caídas) en tramos como o acceso aos miradoiros, a área recreativa da Fervenza ou xunto á Ponte de Ferro.

Dende o goberno local agárdase que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza poida dar resposta canto antes e acometer estas obras de mellora