O Concello de Silleda remite á Xunta a documentación requerida para continuar coa tramitación do PXOM

Silleda, 15 de agosto de 2016.  O Concello de Silleda vén de remitir a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo a documentación solicitada para completar o expediente do Plan Xeral.

Logo da súa aprobación provisional no Pleno o 18 de marzo, o Concello presentou, en data 11 de abril, o  planeamento, xunto coa correspondente acta plenaria para solicitar a aprobación definitiva.

Semanas despois, en concreto o 26 de abril,  a Secretaria Xeral de Urbanismo, remitiu un requerimento ao Concello para completar o expediente con distintos documentos.

Así, ademais de informes técnicos por parte de departamentos como Secretaria ou Intervención, tamén se reenviaron documentos gráficos e distintos oficios.

Informe  de Secretaría

Entre os documentos enviados figura o informe xurídico de Secretaría sobre a aprobación provisional realizada polo Pleno en marzo. Trátase dun dos trámites que estaban aínda pendentes logo da situación vivida no Concello de Silleda nos últimos meses coa ausencia do funcionario habilitado.

“Afortunadamente, unha vez resolta a problemática co nomeamento a pasada semana do Secretario municipal, podemos desatascar agora unha das cuestión máis apremiantes no Concello, e axilizar así a aprobación do Plan Xeral”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, recordando que para Silleda “é fundamental contar canto antes cun novo planeamento”.

Cuiña advirte que dende finais de abril, cando  se recibiu o requerimento solicitando máis documentación, a tramitación do Plan Xeral estivo en suspense “coa ausencia dun secretario titular, o que da conta da complicada situación a nivel administrativo que vivimos durante ese tempo”, engade o rexedor.

Axilización do plazos

Manuel Cuiña agarda que dende a Xunta de Galicia se axilicen os trámites para que Silleda “conte cun Plan Xeral canto antes”.

O alcalde lembra o traballo intenso dos últimos meses para sacar adiante “o que é sen dúbida o proxecto máis importante para o noso municipio “.

O pasado 18 de marzo, nunha sesión plenaria histórica o Plan Xeral de Silleda era aprobado de xeito provisional.

 “Agora só faltaría a probación definitiva por parte da Administración Autonómica”, indica o alcalde lembrando que a entrada en vigor do PXOM tamén  suporá a recuperación da construción no rural, o que repercutirá tamén no aumento de poboación e de postos de traballo.

A tramitación do Plan Xeral en Silleda, iniciada no ano 1998, veuse parada anos máis tarde baixo o mandato do Popular José Fernández Viéitez, e retomouse no 2007 coincidindo ca entrada do goberno socialista, presidido por Paula Fernández Pena. Dous anos máis tarde, con motivo da moción de censura promovida contra o goberno, o proxecto volveu a quedar estancado, e non foi ata finais do ano 2010 cando se retomou de maneira definitiva.

Logo da aprobación inicial do PXOM  en Pleno en decembro do 2012, iniciouse un período de información pública exemplar no que, ademais de esgotar os dous meses de prazo estipulados, o goberno levou o PXOM por tódalas parroquias, explicando os contidos e aclarando as dúbidas sobre o mesmo.

Da mesma maneira, tamén se mantiveron reunións con todos os portavoces da oposición, para analizar e dar resposta ás 783 alegacións que veciños, propietarios, ou colectivos presentaron ó documento urbanístico, e que foron respostadas  de xeito individual e personalizado.

“A aprobación definitiva será a culminación do intenso traballo levado a cabo nos últimos anos para lograr, por fin, o tan ansiado e necesario PXOM”, engade o alcalde.